Fronte común de CIG e ELA contra a “estatalización” da negociación colectiva

Ambas centrais advirten que esa centralización empeora as condicións de traballo e vulnera na práctica a liberdade sindical. Por iso, pedirán aos parlamentos galego e vasco compromisos na defensa da negociación colectiva nos ámbitos dos dous territorios.

sindicatos ELA-CIG 001
photo_camera Xuntanza entre representantes das executivas da CIG e ELA

A estatalización ou centralización da negociación colectiva empobrece as condicións de traballo e vulnera a liberdade sindical. Baixo esta premisa, os sindicatos CIG (Galiza) e ELA (Euskal Herria) fan fronte común para denunciar un proceso, sinalan, impulsado pola patronal española (CEOE) e os sindicatos CCOO e UXT aproveitando as portas abertas polas reformas laborais de 2011 e 2012. Coa estatalización, indican CIG e ELA, cúmpre cos desexos expresados polo propio Banco de España, que afirmou que só debían quedar dous ámbitos de negociación, o estatal (“afastado da participación real dos e das traballadoras”) e o de empresa, “este último para flexibilizar ao máximo as condicións de traballo”.

Con esta estatalización empeoran as condicións dos traballadores e, ademais, procura minguar a capacidade dos sindicatos representativos dos diferentes pobos do Estado e “favorecer o seu monopolio [CCOO e UXT] representativo en todo o Estado”. “Na práctica, a estatalización vulnera a liberdade sindical, xa que veta o exercicio dun dos principais contidos que definen ese dereito fundamental: a negociación colectiva”.

Unidade de mercado

Nun comunicado conxunto, CIG e ELA adin que “deixarnos sen negociación colectiva aos traballadores e traballadoras vascas e galegas forma parte dunha estratexia compartida por CCOO, UGT, co poder económico e os gobernos, para avanzar no que denominan “unidade de mercado español”, para impedir que exerzamos influencia e, en definitiva, para que sexamos máis pobres”.

Ambas centrais partillarán estratexias para facer fronte á “estatalización”. Así, indican, formularán aos parlamentos galego e vasco que adopten resolucións “en defensa do dereito á negociación colectiva e a favor de que a lexislación laboral e social forme parte do contido do autogoberno vasco e galego. Non existe democracia nin un autogoberno dignos de tal nome sen que dispoñamos dos instrumentos que determinan como se reparte a riqueza nas nosas respectivas nacións”.

A isto engaden que os servizos xurídicos da CIG e ELA van colaborar para preparar a defensa xurídica do dereito fundamental á liberdade sindical e a negociación colectiva.

Estas decisións foron adoptadas esta semana nunha xuntanza en Compostela entre unha representación das executivas de CIG e ELA, encabezadas polos secretarios xerais Suso Seixo e Adolfo Muñoz “Txiki”. No encontro analizouse a situación sindical, social e política en Galiza, Euskal Herria e o Estado español

Comentarios