Fragatas F-110: por elas pasa o futuro "a curto e medio prazo" de Navantia Ferrol

O investimento destinado a este programa será de 4.320 millóns de euros até 2031. O presidente do Goberno español afirmou que creará 9.000 empregos durante o próximos dez anos.
Acto de corte da chapa da primeira das cinco fragatas que se construirán en Navantia Ferrol. (Foto:  Raúl Lomba/Europa Press)
photo_camera Acto de corte da chapa da primeira das cinco fragatas que se construirán en Navantia Ferrol. (Foto: Raúl Lomba/Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, afirmou que o futuro de Navantia Ferrol está "asegurado" no "curto e medio prazo" co programa das fragatas F-110, co que o Executivo estal agarda "impulsar o desenvolvemento do tecido industrial e empresarial de toda a comarca".

Sánchez asistiu nesta cuarta feira ao primeiro corte de chapa dunha das cinco fragatas F-110 que se construirán no estaleiro ferrolán e que cualificou de "acto histórico". 

Na súa intervención, o presidente do Goberno destacou que este programa está a ser a "panca para a transformación dixital do estaleiro" e, segundo el, converterao nunha "referencia non só estatal, senón internacional, en materia de fragatas".

O investimento destinado a este programa será de 4.320 millóns de euros até 2031. O presidente do Goberno español afirmou que creará 9.000 empregos durante o próximos dez anos. "Con este investimento, o Estado español contará con cinco novas fragatas, que van relevar ás actuais da clase  F-80, as chamadas 'Santa María' e, cando se complete a construción, a armada contará con 10 modernos buques escolta, sumando as clases F-1001 e as clases  F-110".

Exemplo de "reindustrialización"

Segundo Sánchez, trátase dun "exemplo máis do proceso de reindustrialización do Estado español, que ten unha economía cun sector servizos moi importante pero ten que apostar pola súa reindustrialización, e niso está empeñado o Goberno español", incidiu.

Neste sentido, sinalou que Navantia Ferrol exerce de "panca" para as industrias auxiliares e o resto de estaleiros privados. "É clave nun sector esencial e histórico do noso país, que emprega unhas 70.000 persoas cun alto nivel de cualificación e que factura 7.500 millóns de euros ao ano", destacou.

O presidente do Executivo estatal lembrou a recente aprobación do Perte do naval, que suporá un investimento de 310 millóns de euros, mobilizar 1.150 millóns de investimento privado e crear "máis de 3.000 postos de traballo de calidade".

Sánchez tamén se referiu a que o Estado español exporta 90% dos buques civís que constrúe e 50% da produción do sector de defensa e seguridade.

Comentarios