Foz vive hoxe unha nova concentración contra o feche da fábrica de aluminio

Será fronte á praia da Rapadoira, en defensa do emprego e da industria.

"A Mariña sálvase loitando" [Imaxe: Nós Diario].
photo_camera "A Mariña sálvase loitando" [Imaxe: Nós Diario].

A praia da Rapadoira, en Foz, é o escenario no que durante a mañá de hoxe se está a desenvolver unha nova concentración en defensa do emprego e da industra, convocada polo comité de empresa de Alcoa e a plataforma das auxiliares en defensa do emprego, co fin de rescatar esta fábrica de aluminio, ameazada de feche por Alcoa.

Esta nova concentración, crucial, érguese catro días antes das novas reunións que o comité e a dirección de Alcoa terán esta semana, pois o día 18 remata o prazo de tres semanas de contactos informais antes de que se abra a negociación formal para o despedimento colectivo.

E é que Alcoa teima no despedimento de 534 traballadores e traballadoras do complexo da Mariña e no feche da planta de aluminio de San Cibrao (Cervo). Mentres, os representantes do persoal urxen as Administracións a colaborar entre elas para atopar solucións.

O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, lembrou a este medio que os sectores do aluminio e enerxético son estratéxicos para Galiza e que, de existir vontade, pódense atopar solucións para salvar tanto os empregos como para garantir as capacidades produtivas do complexo de San Cibrao. Carril demandou dos Gobernos español e galego "certezas e un calendario definitivo, preciso e detallado, do estatuto electrointensivo e das medidas complementarias que permitan crear un marco enerxético competitivo, estábel e predicíbel". E, nesta liña, "que se clarifique dunha vez que prezo final vai ter a enerxía". 

(En ampliación)

Comentarios