Paulo Carril (CIG): "As medidas son insuficientes e inxustas, lonxe das adoptadas por outros estados europeos"

A proliferación de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) como consecuencia da situación de emerxencia sanitaria está a crear incerteza entre as traballadoras e traballadores.  Falamos con Paulo Carril, secretario xeral da CIG, sindicato maioritario na Galiza, para aclarar as dúbidas máis importantes.
Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario)
photo_camera Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario)

Nos últimos días, coa situación de estado de alarma, fálase moito de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). En que consisten? 

É un procedemento que permite ás empresas suspender os contratos de traballo ou reducir as xornadas do seu persoal por causas xustificadas. Nós censuramos este instrumento que buscou o Goberno español para axustar temporalmente o emprego. Está moi lonxe da proposta que nós tiñamos.

Como é o procedemento para poñer en marcha un ERTE? 

Varía, dependendo de se a empresa acode á forza maior. Nos casos actuais, polo efecto do coronavirus, a empresa ten que facer unha comunicación á autoridade laboral e achegar un informe e a documentación correspondente que acredite a perda da produtividade como consecuencia da COVID-19. Ao mesmo tempo, ten que comunicalo ás traballadoras e traballadores e á súa representación sindical. A autoridade laboral ten que constatar a forza maior nun prazo máximo de cinco días desde que se solicitou e pode pedir, ou non, un informe á inspección. Logo, a autoridade laboral emite resolución, constatando ou non que hai forza maior. A empresa decide se opta por tomar as medidas de suspensión de contratos ou reducir as xornadas. Os efectos prodúcense desde a data en que tivo lugar o efecto causante.    

Cal é a prestación que cobra a traballadora ou o traballador nese caso? 

Recoñécese a prestación por desemprego, aínda que non se teña o período cotización. As empresas quedan exentas de 100% do pago da seguridade social se teñen menos de 50 traballadoras e de 75% se teñen máis persoal. O tempo de desemprego que dure esta situación non se dá por consumido. 

Se se vai por un ERTE que non é de forza maior, varía nalgún aspecto o período de consultas, mais non varía o cobro do desemprego que dixen antes.
A prestación que se cobra, salvo que se pacte, non ten ningún complemento.

O único que se cobraría sería o que se estabelece con carácter xeral. A contía mínima varía en función da cotización dos últimos seis meses. En base a iso, a contía mínima sinxela é de 501,98 euros. Para quen teña unha filla ou máis, sería de 671,40 euros. A contía máxima sería no primeiro caso, sen crianzas, de 1.098,09 euros. No caso de ter unha filla ou máis, sería de 1.244,96 euros. Se se ten dúas fillas ou máis, o importe podería chegar até 1.411,83 euros.

A prestación será de 70% da base reguladora os primeiros seis meses de desemprego e de 50% desde o sétimo mes. 

Canto pode durar este procedemento? 

Estes ERTE, de acordo co que se aprobou hai uns días no Consello de Ministros e Ministras, só pode durar mentres estea declarado o estado de alarma e a emerxencia sanitaria. 

Cal é a situación actual na Galiza unha vez aprobadas as medidas para flexibilizar os ERTE?

Todas as medidas que se están adoptando son tardías, deixouse que se consumase unha situación de caos social e de abuso patronal. Son insuficientes e inxustas, moi lonxe das que se tomaron noutros Estados da Unión Europea. A fórmula de quedar na casa non garante o cobro de 100% dos ingresos que nós estabelecíamos de permiso retribuído para todo o persoal a través dun fondo de compensación. 

Garántense con eles os dereitos de traballadoras e traballadores?  

Agora estanse producindo despedimentos e reducións de xornada que se podían evitar con outras fórmulas. Traballadoras e traballadores temporais están a ser despedidos sen acollerse a medidas deste tipo e facilítase que nos vindeiros meses haxa despedimentos en masa. Estamos nunha situación excepcional onde as políticas públicas son as únicas posíbeis, onde desde o poder público hai que adoptalas con absoluta contundencia e que hai que garantir que teñan un ánimo de responder á emerxencia social.

Por outro lado, non hai garantías de seguridade e saúde laboral sen adoptar as medidas necesarias para que todo o mundo poida quedar na casa, nin se dispón dos medios para que as traballadoras e traballadores que teñan que ir traballar atendendo certos sectores que é necesario e urxente que traballen, non teñen as condicións de seguridade mínimas. Polo tanto, hai que clausurar os centros de traballo e garantir que a xente poida, a través destes permisos retribuídos que nós demandamos, contar con ingresos de 100% do seu salario. 

Comentarios