A formación en artes e humanidades é a que ten unha maior taxa de paro

A formación en artes, humanidades e linguas é a que ten unha maior taxa de paro na Galiza, cun 14,8%, por encima da formación básica (14,5%), segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) esta quinta feira.

Oficina de emprego, paro foto de arxina
photo_camera Oficina de emprego (Imaxe: Arxina).

Dentro da formación en artes, esa taxa de paro elévase no caso das mulleres até o 16,8% (en homes é do 12,9%). No outro extremo, o desemprego máis baixo compútase entre a poboación especializada en sector da mecánica, electrónica, industria e construción (un 6,8%).

No tocante ás taxas de ocupación, as máis elevadas no sexo masculino atópanse no sector saúde e servizos sociais (79,1%), mentres que para as mulleres son as tecnoloxías de información e comunicacións (78,1%). O grupo de poboación sen especialidade académica ten unha taxa de ocupación do 31,7%.

Nestes datos do IGE correspondentes a 2021 recóllese que o 59,6% das galegas e galegos contaban cun nivel de formación xeral, básica e de habilidades persoais. Nesta categoría inclúen os que alcanzaron, como máximo, o ensino obrigatorio ou bacharelato.

O 65,9% das ocupadas e ocupados da Galiza contan con xefes, e non teñen ningún subordinado. O dato é maior entre mulleres (71,2%) que entre homes (61,1%).

A seguinte categoría é a de ocupado independente -sen xefes nin subordinados-, cun 12,8%. Pola súa parte, o 61,9% dos ocupados non traballou ningún sábado en 2021. O 30,7% traballou polo menos dous sábados ao mes, mentres que o 5,9% só traballou un sábado ao mes. O 78,7% non tivo xornada laboral ningunha en domingo.

Dos 867.400 asalariados residentes na Galiza en 2021, 37.500 persoas foron contratadas a través dunha empresa de traballo temporal e 17.800 obtiveron o seu emprego actual con mediación dunha oficina de emprego pública.

O motivo principal polo que as galegas e galegos deixaron o seu emprego foi por finalizar contrato (55,1%). O 18,5% das desempregadas e desempregados tivo o seu último emprego hai tres ou máis anos.

Comentarios