Folga nos comedores de Inditex por unhas"condicións de traballo dignas"

"O persoal do comedor da empresa máis importante deste país e onde come o home máis rico do Estado español, cobra un salario que non chega aos 900 euros e na maioría dos casos ten contrato a tempo parcial", denuncia Roberto Pérez, da CIG-Servizos.

Sede de Inditex en Arteixo. (Foto: Nós Diario) #inditex #arteixo #industria #textil #empresasgalegas #marrocos #negocios #intereses #crise #inestabilidade
photo_camera Sede de Inditex en Arteixo. (Foto: Nós Diario)

Os traballadores e as traballadoras do servizo de comedor do Grupo Inditex, adxudicado á empresa Sodexo, irán á folga a quinta feira 13 e a sexta 14 de xaneiro en demanda dunhas condicións laborais e salariais dignas. A folga afectará ás máis de 150 persoas que traballan nos catro comedores de Inditex na provincia da Coruña: sede da Fundación, almacén de Zara Loxística, almacén da Laracha e instalacións de Inditex (Pull&Bear e Indipunt) en Narón.

Dende a entrada de Sodexo, explica CIG-Servizos, as condicións de traballo nos comedores foron empeorando paulatinamente até o punto de que a empresa nin sequera paga os salarios segundo o establecido no convenio colectivo de aplicación e non substitúe as ausencias do persoal, xerando así unha sobrecarga de traballo insoportábel.

Pero ademais, Sodexo non retribúe a antigüidade, empeorou as condicións de traballo nos festivos, non mellora as escasas licenzas de convenio, rexeita reducir a xornada en función da idade e négase tamén a remunerar o traballo realizado na quenda de noite no comedor de Zara Loxística -o único no que se fan tres quendas-.

A folga afectará ás máis de 150 persoas que traballan nos catro comedores de Inditex na provincia da Coruña: sede da Fundación, almacén de Zara Loxística, almacén da Laracha e instalacións de Inditex (Pull&Bear e Indipunt) en Narón.

Por se non fose suficiente, indica a central nacionalista, a empresa aproveitou a situación de pandemia para afondar no deterioro das condicións de traballo e incrementar o seus beneficios, a conta de precarizar e espremer ao máximo os seus traballadores e traballadoras.

"O persoal do comedor da empresa máis importante deste país e onde come o home máis rico do Estado español, cobra un salario que non chega aos 900 euros e na maioría dos casos ten contrato a tempo parcial", denuncia Roberto Pérez, da CIG-Servizos da Coruña, quen apunta á responsabilidade de Inditex no proceso de intensificación da precariedade que se está a vivir nas súas auxiliares.  

Hai uns meses, o persoal xa tivo que ameazar coa convocatoria dunha folga para lograr que a empresa sentara negociar unha mellora das condicións laborais e económicas. Pero ante a falta de avances e a postura inmobilista, acordouse convocar estas dúas xornadas de folga, que se agarda teñan un seguimento maioritario.

Comentarios