As autoescolas de Pontevedra, chamadas á folga o 26 de febreiro

Denuncian precariedade laboral e falta de compromiso por parte da patronal do sector.
Asemblea de traballadoras e traballadores de autoescolas (CUT)
photo_camera Asemblea de traballadoras e traballadores de autoescolas (CUT)

O sector das autoescolas conta cada vez máis con precariedade entre as súas traballadoras e traballadores. Os últimos anos algunhas empresas decidiron ofertar á baixa as prácticas e os cursos de condución, poñendo horarios sen límite a gusto do clienta. Este é o motivo polo que o pasado 18 de xaneiro, nunha asemblea de afiliación da CUT, persoal deste sector decidiu  convocar unha folga para o día 26 de febreiro entre as 10 e as 13 horas, ao tempo que fará unha manifestación rodada polas rúas de Vigo. "Teñen horarios moi dispares e  obríganos a estar a disposición as 24 horas para facer prácticas en horarios imposíbeis", explica a Nós Diario Ricardo Castro, secretario xeral da CUT, "moitas veces só cobran pola práctica exercida e non lles dan as vacacións", engade.

Coa intención de solucionar esta situación mantiveron unha reunión coa patronal de Pontevedra, que reúne 75% de todo o sector galego. "Responsabilizaron o propio persoal da situación", explica Castro, "propuxemos que vixiasen as academias e non quixeron polo que entendemos que non teñen intención de arranxar esta situación". Caso de non ter resposta anuncian que poderían convocar outra folga no verán. A Dirección Xeral de Tráfico sabe desta situación e podería valorar suspender os exames en agosto.

Comentarios