Xustiza

Xuíces e fiscais convocan a terceira folga indefinida na Xustiza

"Se realmente queren evitar que isto suceda, teñen unha marxe máis que suficiente, pero se o seu interese é volver enganar, xa saben cales serán as consecuencias ás que se enfrontarán", sinala o portavoz dunha das asociacións convocantes do paro.
O corpo de letrados foi o primeiro en manifestarse este ano. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O corpo de letrados foi o primeiro en manifestarse este ano. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Tres asociacións de xuíces e dúas de fiscais afíns ao sector conservador na xudicatura veñen de anunciar a súa intención de convocar unha folga indefinida, a partir do vindeiro 16 de maio, debido á "falta de propostas concretas" e de "verdadeiro propósito de negociar" dos ministerios de Xustiza e Facenda para mellorar os seus salarios e reducir a carga de traballo, as súas principais demandas.

Así o deron a coñecer nun comunicado a Asociación Profesional da Maxistratura, a Asociación Xudicial Francisco de Vitoria, o Foro Xudicial Independente, a Asociación de Fiscais e a Asociación Profesional e Independente de Fiscais. Tamén subscriben o comunicado Xuízas e Xuíces para a Democracia e a Unión Progresista de Fiscais, que, se ben comparten a diagnose e a necesidade de melloras para superar o "estancamento actual" do sistema xudicial, consideran "oportuno" esperar a coñecer o que poida expor Facenda na reunión da Mesa de Retribucións prevista para o 3 de maio.

En calquera caso, ambas as organizacións progresistas non renuncian a sumarse á convocatoria de folga en función do resultado desa reunión. "Todas as asociacións xudiciais e fiscais manifestamos o noso firme propósito de traballar para alcanzar un acordo que evite ter que pór en marcha as medidas de presión anunciadas, desde a mesma boa fe que nos animou até o de agora", subliñan as sete entidades asinantes no comunicado.

Advirten, ademais, de que non permitirán que a súa actitude responsábel —de prudencia e silencio até o momento, apuntan— "sirva unha vez máis de coartada para a inacción neglixente dos Ministerios de Xustiza e Facenda, aos que lles corresponde, dentro do Goberno, velar porque o noso país dispoña dun sistema xudicial eficaz que non é posíbel alcanzar se o labor de xuízas, xuíces e fiscais non se desenvolve en condicións, tamén retributivas, adecuadas".

De materializarse, a folga de xuíces e fiscais sería a terceira da Xustiza neste 2023. O corpo de letrados estivo parado máis dun mes, até que conseguiu unha suba salarial de 450 euros mensuais. E desde a pasada segunda feira, ademais, o persoal funcionario de Xustiza atópase en folga reivindicando igualmente unha mellora económica.

Para o portavoz nacional da Asociación Xudicial Francisco de Vitoria, Jorge Fernández Vaquero, a convocatoria de folga indefinida chega tras un ano de conversas, "sempre de boa fe" por parte das asociacións, pero "incumprimento" por parte do Ministerio de Xustiza da "persistente promesa de que a mesa de negociación prevista na lei desde hai 20 anos para negociar cuestións retributivas se convocaría por primeira vez neste período de dúas décadas".

"Esta promesa incumpriuse e atopámonos no mes de maio de 2023 no mesmo momento no que comezaron as nosas conversas co Ministerio en abril de 2022", criticou. O portavoz defendeu a convocatoria da folga como unha medida que os prepara "para o peor", referíndose á "actitude puramente dilatoria dos ministerios de Xustiza e Facenda. "Se realmente queren evitar que isto suceda, teñen unha marxe máis que suficiente, pero se o seu interese é volver enganar, xa saben cales serán as consecuencias ás que se enfrontarán", apuntou Fernández Vaquero.

Comentarios