Folga indefinida a partir do 1 de decembro na Escola Municipal de Música de Compostela

A CIG rexistrou a convocatoria do paro.

escola municipal música santiago
photo_camera Imaxe de arquivo dunha mobilización da Escola.

“Ante a situación insostíbel que vive o conxunto dos 21 traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música de Compostela que seguen sen cobrar desde o pasado mes de agosto, o sindicato rexistrou a convocatoria oficial de folga da que xa están advertidos o Concello e a empresa concesionaria do servizo”.

Así informan desde CIG-Ensino,  sindicato que ostenta a representación do cadro de persoal e a delegada da Escola Municipal de Música e que indica que dan este paso após que o persoal leve case tres meses sen cobrar o seu salario íntegro. “Tan só recibiron unha nómina correspondente ao mes de agosto o día 6 de outubro”.

Ante esta situación, que cualifican de “desesperada” e que sinalan que pon en risco a viabilidade do servizo educativo, o conxunto dos traballadores e traballadoras tomaron de forma unánime esta decisión que xa está en coñecemento tanto da empresa como do Concello de Santiago.

Desde o persoal docente e non docente lamentan as consecuencias que esta decisión poida ter no alumnado e nas familias que acoden á Escola e insisten en que intentaron por todos os medios que se resolvera antes de optar por esta saída tan “drástica”.

Comentarios