xoves 16/09/21

Folga indefinida en Faurecia após a venda da planta do Porriño a un fondo alemán

O comité reclama á dirección as contías salariais pactadas no convenio, que se negociou durante dous anos e quedou pendente de asinar
Os traballadores e traballadoras de Faurecia no Porriño iniciarán esta cuarta feira unha folga indefinida (Foto: Nós Diario).
Os traballadores e traballadoras de Faurecia no Porriño iniciarán esta cuarta feira unha folga indefinida (Foto: Nós Diario).

A venda da planta de Faurecia Interior Systems no Porriño a un fondo alemán está a provocar unha forte contestación social por parte dos traballadores e traballadoras desta auxiliar do sector da automoción vigués.

Segundo anunciou esta segunda feira o comité de empresa da factoría, a partir desta cuarta feira está convocada unha folga indefinida nas instalación en sinal de protesta pola venda da planta a un fondo alemán, mais tamén pola pretensión da empresa de non pagar contías salariais pactadas no convenio, que se negociou durante dous anos e quedou pendente de asinar.

Os traballadores e traballadoras desta empresa de compoñentes de automoción acordaron en asemblea convocar esta folga, cun 94% de apoio, segundo comunicou o sindicato CCOO.

Este explicou que esta medida de presión ten a súa razón fundamental na venda da planta ao fondo alemán Callista Private Equity, "de costas á representación legal" do cadro de persoal.

Planta viábel

Nesta liña, o comité de empresa da factoría defendeu a viabilidade da planta porriñesa e esixiu que os novos propietarios "garantan a totalidade do emprego" existente no momento da venda.

Por outra banda, explicaron que outra das razóns que lles leva a convocar esta folga indefinida é o convenio colectivo, que "se leva negociando dous anos e só estaba pendente de asinar". 

Respecto diso, a representación dos traballadores e traballadoras denunciou que a dirección da planta, ademais de "vender" a fábrica e o cadro, tamén "pretende" non pagar os incrementos salariais pactados nin as diferenzas económicas polos atrasos xerados nestes anos.

comentarios