Folga de fame contra os despedimentos en Povisa

O xexún, parte do calendario de accións acordado polo persoal.

Asemblea traballadores
photo_camera Asemblea traballador*s [Imaxe CIG]

Esta segunda feira (2 de marzo) o cadro de persoal acordou iniciar un conxunto de accións contra os 13 despedimentos comunicados pola dirección de Povisa a pasada sexta feira. 

En declaracións a Europa Press a presidenta do comité, María Xesús Neira (CIG) avanzou que as mobilizacións comezarán esta cuarta feira con concentracións no interior do policlínico situado na rúa Gran Vía (15.30h) e a quinta no andar baixo do propio centro hospitalario de 10.00h a 11.30h. Aliás, na sexta feira acudirán á delegación da Xunta e convocan unha manifestación o 13 de marzo que partirá da Praza dos cabalos ás 20.00h e rematará na Porta do Sol. 

O calendario de accións complétase cunha folga de fame indefinida que comezará o 16 de marzo --día en que se efectivizaría a rescisión dos 13 contratos (10 celadores e 3 persoas de arquivo). Entre as persoas que desenvolverán o xexún atópase a propia presidenta do comité, Chus Neira e dúas persoas máis, unha da CIG e outra de SGPS, embora "varios membros das seccións sindicais da UGT e da CGT tamén amosaron a súa disposición a participar", explican. 

Rexeitan as "chantaxes" e "coaccións" de Povisa

Con estas medidas, sinalan, queren amosar o seu rexeitamento aos 13 despedimentos mais tamén "ás chantaxes e as coaccións" que está a facer a empresa para lograr "un convenio colectivo favorábel que diferencia entre os traballadores/as fixos/as e os eventuais", segundo denuncian dende o comité.

Doutra banda, esta cuarta feira (4 de marzo) reuniranse con Inspección de Traballo e coa Xunta de Persoal do CHUVI para coñecer cal é a situación que atinxe os centros públicos. 

O cadro de persoal denuncia que os despedimentos son "chantaxes" perante a negociación do novo convenio

Desde o comité de empresa de Povisa denunciaron após ter coñecemento dos despedimentos que a dirección do centro estaría a imcumprir o acordo asinado coa Xunta de Galiza ao non se garantir as mesmas condicións que nos centros públicos. O seu obxectivo é "informarse do número de celadores/as existentes noutros centros médicos e coa representación dos traballadores/as do 061 "para que non axuden a meter as padiolas cos enfermos/as cando chegan a Urxencias", aseguran. 

Así mesmo, trasladarán a natureza do conflito a doentes e persoal do centro médico xunto con comunicados de imprensa a medios de comunicación españois. 

Comentarios