A folga do lixo en Lugo mantense após rematar sen acordo a primeira negociación do convenio

Non houbo acordo na primeira xuntanza entre o comité de folga e a dirección de Urbaser mais as conversas continuarán. VÍDEO NO INTERIOR. 

Urbaser
photo_camera [Imaxe CIG-Mariña Lugo]

Unha xuntanza de oito horas e media mais sen acordo. Así rematou onte, por volta das 23:00 horas, o primeiro contacto entre o plantel de Urbaser e a dirección da concesionaria da recollida do lixo de Lugo. Coa participación tamén dun mediador, as conversas non chegaron a porto mais a negociación dun novo convenio colectivo mantense. 

A reunión iniciouse arredor das 14:30 horas e inicialmente a postura inmóbil de Urbaser impedía calquera tipo de acordo. A principal demanda da asemblea de traballador@s, isto é, a retirada dos despedimentos e das sancións abertas, nen sequer quería ser escoitada. Iso impedía aproximar posturas pois @s operari@s aseguraron desde o comezo da folga que este feito era irrenunciábel para el@s. 

As negociacións continuarán

Así as cousas, a medida que avanzou a conversa e segundo puido saber Sermos Galiza, Urbaser comezou a valorar esta opción se ben, até o momento non se chegou a ningún acordo. Porén, este non é o único punto forte das negociacións. Outro dos aspectos máis relevantes é a consolidación dos 600€ que percibiron @s empregad@s en 2012 e 2013. 

A falta de acordo, o comité de folga e a dirección de Urbaser volverán a reunirse mais polo de agora descoñécese a data da vindeira xuntanza que contará de novo con mediación na procura de achegar os posicionamentos de ambas as dúas partes. 

No entanto, Sermos Galiza puido saber que @s traballador@s recibiron xa a nómina correspondente ao mes de folga e na que se recollen soldos entre 18 e 96 euros. Unhas cifras que non se corresponderían cos 10 días traballados antes de dar comezo o paro indefinido. Fontes consultadas por este medio coidan que podería constituír máis unha medida de presión por parte da concesionaria que tenta "queimar o persoal" após unha vintena de días en folga. 

Mantense o calendario de mobilizacións

Sexa como for, o plantel mantén os acordos adoptados pola asemblea de traballador@s de maneira unánime e os ánimos non decaen. Aliás, continúan adiante co calendario de mobilizacións. A comezar por unha concentración perante o Pazo de San Marcos --onde se sitúa a Deputación provincial-- ás 12.00 horas. 

Así mesmo, este sábado 5 de xullo Lugo acollerá unha manifestación nacional convocada por CIG, UGT e USO que volverá sacar ás rúas as reclamacións do plantel e amosará a solidariedade doutros sectores coa folga da recollida de lixo. Un conflito que podería extenderse á capital galega, segundo comunicou o comité de empresa de Urbaser-Compostela, onde tamén se está a negociar un novo convenio colectivo. 

Comentarios