A folga en Citroën paraliza a actividade nas liñas de montaxe

Os sindicatos cifran en 80% o seguimento do paro nas quendas, convocado contra a sobrecarga de traballo.

citroen folga

Os traballadores e traballadoras da fábrica de PSA-Citroen están secundando esta quinta feira unha xornada de paros laborais de dúas horas por quenda para esixir solucións á sobrecarga de traballo en montaxe, sobre todo na liña 2, que se contrate o persoal necesario e que se recupere a actividade externalizada. A folga rexistra un elevadísimo seguimento, sinalan as centrais sindicais, alcanzando un seguimento global de 80%, o que provocou a paralización da actividade nas liñas de montaxe.

O aumento dos ritmos e cargas de traballo están a levar os operarios da automoción até o extremo, someténdoos a unha sobrecarga física e mental. Os sindicatos levan tempo alertando desta situación, nomeadamente na factoría PSA Citroën de Vigo. Nestes meses houbo diferentes accións, desde feches a manifestacións, para denunciar esa realidade. Ante a falla de diálogo e respostas por parte da dirección da factoría de Citroën, convocouse unha folga para esta quinta feira por parte de CIG, CCOO, UXT e apoiada pola CUT.

Coincidindo coas horas dos paros, os traballadores e as traballadoras realizaron asembleas e mobilizacións nas instalacións da fábrica de Vigo para visibilizar as súas demandas, cunha concentración que comezou en montaxe e marchou até as portas de dirección. O representante da CIG, Manuel Domínguez, xa adiantou que non desbotan convocar novas xornadas de folga se nos vindeiros días non se producen avances significativos,.

Os sindicatos levan advertindo á dirección sobre os problemas da excesiva carga de traballo dende que se levou a cabo a planificación dos postos na liña 2 de montaxe. "Os postos son irrealizábeis, a carga de traballo inasumíbel e a xente xa non dá máis", aseverou Domínguez, mentes advertía que este sobre-esforzo está provocando problemas de saúde para os operarios e operarias.

Inspección

Os sindicatos comunicaron a Inspección de Traballo o que está a padecer o persoal de montaxe “para que tome cartas no asunto antes de que estess empregados e empregadas sufran problemas de saúde”

Comentarios