Celsa: a incerteza sobre o futuro doutra empresa electrointensiva

O cadro de persoal da factoría de aceiro que o Grupo Celsa ten na Laracha iniciou esta pasada segunda feira unhas xornadas de folga xeral para demandar negociar o convenio colectivo e a posta en marcha inmediata dun plan de investimentos que garanta a viabilidade das instalacións. A multinacional mantén a metade da súa produción e está realizando investimentos noutra factoría en Francia.
Concentración do persoal de Celsa Atlántic na factoría da Laracha o primeiro día de folga (Nós Diario).
photo_camera Concentración do persoal de Celsa Atlántic na factoría da Laracha o primeiro día de folga (Nós Diario).

A incerteza sobre o futuro das grandes empresas electrointesivas na Galiza suma outro nome máis aos casos de Alcoa en San Cibrao (Cervo) e Alu Ibérica na Coruña. A fábrica de Celsa Atlantic na Laracha, pertencente ao Grupo Celsa, vive estes días varias xornadas de folga que comezaron esta segunda feira e continuarán esta cuarta, cun paro de 24 horas, e os sábados 3 e 10 de xullo con paros que se desenvolverán das 6 até 22 horas.

A negativa da multinacional, con sede en Barcelona, a negociar o convenio colectivo agocha un problema de fondo que, desde o comité de empresa, analizan coas dúbidas sobre a mesa da falta de investimentos nos últimos anos e a ameaza da deslocalización de parte da produción a outra planta en Francia

Redución da produción

A factoría do Grupo Celsa na Laracha dedícase á laminación do aceiro para a construción e para automoción. Conta cun cadro de persoal de 140 traballadoras e traballadores que dependen directamente da compañía, aínda que o número subiría até 200 se contamos os postos indirectos. O presidente do comité, Agustín Méndez, explica a Nós Diario que o convenio caducou en decembro de 2019 e as conversas están bloquedas pola actitude da multinacional. Ademais, os movementos que realiza a compañía noutras factorías do grupo sementan a incerteza sobre o futuro da planta entre o cadro de persoal. 

"A empresa nin pensa en revalorizar os salarios co índice de prezos ao consumo (IPC)", explica Méndez que lembra que a da Laracha é a única planta do grupo sen convenio propio. Alén diso, unha das principais demandas que continúan a ter está relacionada co futuro na Galiza da propia factoría de aceiro: rematar nela o seu ciclo produtivo. Este sindicalista sinala que levan desde hai uns cinco anos cun tren de laminación, dos dous cos que contan, sen actividade. Daquela decidiuse reducir a produción nun 50% coincidindo coa crise na construción, un dos sectores xunto coa automoción do que dependen, pasando de fabricar 1 millóns de toneladas a facer 500.000. 

Na actualidade, continúan nesas condicións co agravante de que a multinacional incrementou a produción na planta que lle fornece o material. "É unha paradoxa que Celsa dedique 60 millóns de euros á planta de Francia para pór un tren de laminación e producir 500.000 toneladas cando as podería producir aquí co tren parado", asegura o sindicalista. 

Tarifa eléctrica

A situación económica da siderúrxica catalá semella non ser moi boa. Esta multinacional solicitou axudas á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) por valor de 700 millóns, o que, se se materializan, sería o maior rescate dunha empresa no Estado español durante a pandemia. 

No comité de empresa non teñen máis información que a que se difunde a través dos medios de comunicación.  Aínda así, o seu presidente afirma que "este tipo de industria está consumida polos altos custos de produción" polo que "seguimos pedindo unha tarifa eléctrica que nos permita competir co resto de Europa e o que acontece é todo o contrario, duplícase o prezo". 

No caso concreto de Celsa, esta lóxica explicaría o seu interese por investir en Francia. "O prezo da enerxía en Francia é moito máis barato e por ese motivo non pensan en montar unha cabeceira con todo o proceso na Galiza", asegura. Entende que no seu momento "instaláronse na Galiza por sermos grandes produtores de enerxía e agora, aínda que seguimos producíndoa, ten un custo tan elevado que as empresas non están dispostas a pagar". 

Con este panorama, Méndez opina que na industria electrointensiva "quedamos sen futuro polos beneficios millonarios que levan as eléctricas todos os trimestres".

Comentarios