Asemblea de persoal ratifica a convocatoria de folga no bus urbano de Vigo

Paros parciais en decembro para rexeitar os cambios impostos na xornada laboral

Vitrasa bus asamblera folga
photo_camera Asemblea de persoal de Vitrasa (Foto: CIG)

A asemblea de traballadores e traballadoras da empresa  Vitrasa, concesionaria do bus urbano de Vigo, ratificou esta fin de semana a convocatoria de folga rexistrada polo comité, e que terá lugar en días alternos do mes de decembro.

Así o confirmou o sindicato CIG (que preside o órgano de representación do persoal), que informou que a proposta de folga foi apoiada "por unha ampla maioría" dos traballadores e traballadoras, que pararán en franxas de dúas horas para protestar pola modificación unilateral das súas xornadas e condicións laborais.

Segundo o escrito dirixido á Consellería de  Emprego e  Igualdade, a folga terá lugar durante once días do mes de decembro (os días 1, 3, 9, 11, 14, 16, 18, 21, 23, 28 e 30) e desenvolverase con paros parciais de dúas horas: de 7:30 a 9:30 horas, de 13:00 a 15:00 horas, e de 19:00 a 21:00 horas.

O sindicato denunciou que a empresa está "a converter xornadas continuas en xornadas partidas", e modificando así unilateralmente as condicións de traballo para cubrir os reforzos de liñas necesarios pola situación derivada da pandemia.

Ante isto, o comité reclamou máis contratacións para reforzar o servizo en 'horas punta' e evitar "que se enchan os autobuses", en lugar de que sexan os traballadores os que teñan que "sacrificar" os seus horarios laborais.

Comentarios