CARGAN CONTRA OS GOBERNOS

A frota do cerco inicia unha folga indefinida

A asemblea convocada pola Asociación de Armadores do Cerco de Galiza (ACERGA) decidiu na noite de onte o amarre indefinido da frota polo reparto inxusto de cotas e polo inmobilismo das distintas Administracións, que provocan unha situación de grave crise no sector.

cerco flota peixe barco

A Asociación de Armadores do Cerco realizaron onte unha asemblea en Portosín na que decidiron por maioría o amarre indefinido da frota do cerco, unha situación que, tal e como advirten os armadores, vén provocado polo “inxusto reparto de cotas que fai que os buques destas asociación (que representa o 80% dos buques do cerco) estean sen posibilidade de pesca, mentres que o resto da frota pode continuar faenando”.

Os armadores tamén cargan contra o “inmobilismo” e a “continua ineficacia” das Administracións diante das demandas do sector, expresadas en reunións e en numerosas concentracións. Apuntan tamén ao recorte sufrido nos Totais Admisíbeis de Captura (CAP) para as especie obxectivo. Este recorte, denuncian, “levou ao peche prematuro das pescarías nas zonas VIIIc e Ixa, sen contrastar co sector a grande abundancia destas especies nas nosas augas”.

ACERGA, que reivindica un reparto xusto e equitativo, advirte da “imposibilidade” de garantir a “viabilidade económica” dos buques e dos traballadores, de aí que emprace o sector a secundar o amarre.

Iniciativa do BNG no Congreso

Esta sexta feira, o BNG daba conta nun comunicado da presentación dunha iniciativa na que insta a ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, a outorgar máis cotas de xurelo ou anchoa á frota dol cerco galego, que até finais de ano non ten que pescar. Na iniciativa, a parlamentar Olaia Fernández Davila advírtelle a Tejerina que "ao sector non lle queda máis remedio que reiniciar un proceso de mobilizacións e manifestacións en demanda de traballo pesqueiro".

"O cerco tivo que estar en permanente loita para conseguir irrisorias e insuficientes cotas de pesca, sorteando os caladoiros que ían pechando e tratando de non sucumbir no seu empeño por seguer a exercer a pesca”, engade a parlamentar nacionalista.

Comentarios