xoves 16.07.2020

Florentino, a última grande empresa téxtil de Lalín, fabricará desde Portugal

A empresa de Florentino Cacheda negocia un ERE que deixará na rúa a 50 traballadoras, a maior parte con moitos de relación coa marca fundada en 1963.
Tenda de Florentino na Coruña (Florentino)
Tenda de Florentino na Coruña (Florentino)

Montoto, Guerra e agora Florentino. A empresa situada no paraíso da moda galega, todo un símbolo da suposta fortaleza do téxtil e da capital do Deza, Lalín, deixará Galiza en poucos días. A firma fundada por Florentino Cacheda en 1963, anunciou ao comité de empresa a intención de realizar un expediente de regulación de emprego (ERE) a 50 persoas, na súa maior parte mulleres que empezaron a traballar aos 16 anos e que, con máis de 30 anos cotizados, terían dous anos de desemprego e unha pensión mínima con 61 anos. A empresa, iso si, continuará a súa produción en Portugal, segundo confirman a Nós Diario fontes sindicais, quedando a dirección e o deseño na súa situación actual do polígono Lalín 2000.

Anuncio de ERE

Os sindicatos recibiron a noticia do ERE por parte da empresa o pasado 3 de xuño e as primeiras reaccións foron de sorpresa e indignación. Desde UXT, sindicato que conta coa maioría de delegadas no comité, esgrimíase a imposibilidade de que non se levase a cabo por estar desde o pasado 23 de marzo en situación de expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), polo que a empresa debería agardar seis meses para efectuar despedimentos. Segundo este sindicato a primeira incorporación de persoal realizouse o pasado 4 de maio.

Primeira reunión da mesa de negociación

Nesta mesa de negociación que terá lugar o día 1 de xullo estarán presentes UXT, CCOO e CIG, esta última en representación dalgunhas tendas que a empresa tamén ten previsto fechar. Con anterioridade, desde Florentino entregárase toda a documentación para acreditar a proposta de execución do ERE. Ademais da reunión, haberá xuntanzas os días 8 e 15 de xullo xa que a idea da empresa é executar o ERE en agosto.

Leila Piñeiro, membro da executiva de CCOO Industria, explica a Nós Diario que a postura do sindicato será "a de tratar por todos os medios de parar a pretensión da empresa". Asegura que contan con datos "que nos permitirían afirmar que coa externacionalización fóra de Lalín da produción non se vai conseguir o aforro que a empresa di que habería".

Crónica dun feche anunciado, segundo a CIG

Para o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xabier Aboi, a situación actual ten os seus precedentes en Florentino e noutras empresas do téxtil galego. "É a crónica do que xa vimos noutros anos con despedimentos cada tanto", cre este sindicalista. Relata a Nós Diario como esta marca pasou de ter "250 persoas traballando en 2007 a 80 na actualidade para pretender agora quedar só con 30".

Critica a responsabilidade das Administracións públicas "que viron como desde o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) se perderon millóns e a Fiscalía non interveu como en Caramelo". Sobre este organismo da Xunta, Aboi afirma que lle gustaría "saber a que empresas se deu fondos e canto se recuperou". Do resultado das negociacións que agora comezan conclúe que "a única saída que hai para o persoal implicado, por desgraza, é a negociación económica".

Un dos símbolos para Feixoo da marca Galiza no exterior O titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto a Florentino Cacheda na presentación do campionato do mundo de natación en 2013 (Xunta da Galiza)

"O armario do Campionato do Mundo de Natación será un armario galego, será o armario dun excelente empresario que é Florentino Cacheda", afirmaba en 2013 Alberto Núñez Feixoo. A empresa lalinense vestía esa competición e desde o Goberno galego vendíase a imaxe de ser, xunto a Inditex, o símbolo da potencia téxtil galega. Coa externalización da produción que se realiza en Lalín xunto á que fixo Inditex esfarélase esa idea. 

comentarios