A Fiscalía rexeita que se lle conceda o indulto a Carlos e Serafín

O Ministerio Fiscal presentou un recurso perante a xuíza do Penal. "Non entendemos por que se ensaña con nós", denuncian os traballadores condenados a 3 anos de cadea. Unha concentración o 10 de abril reclamará o indulto.

serafin carlos indulto
photo_camera Serafín Rodríguez (esquerda) e Carlos Rivas (dereita)

Unha volta de porca máis no caso de Carlos e Serafín. Após a solicitude de indulto presentada perante a xuíza que instrúe o caso e que foi levada a trámite, o Ministerio Fiscal presentou un recurso perante o Xultado do Penal de Vigo para impedir que lle sexa concedida medida de graza algunha aos dous operarios. Aliás, anunciou que recorrerá á Audiencia Nacional española de lle ser desestimado o recurso. 

A Fiscalía presentou recurso á tramitación do indulto argüíndo que unha solicitude anterior xa fora rexeitada

Para a Fiscalía a toma en consideración da solicitude presentada polas centrais sindicais (CIG, CCOO, UGT) non se axustaría a dereito ao alegaren as mesmas razóns familiares, persoais e laborais que nunha petición de indulto anteriormente denegada. Razón pola que exixe dar cumprimento á condena. 

"Non entendemos por que se ensaña con nós"

Para os dous traballadores do transporte, condenados a tres anos de cadea por tomaren parte nun piquete informativo en 2007, a decisión da Fiscalía non é comprensíbel e mesmo, din, non entender "por que se ensaña con nós".

Convocan unha concentración a quinta feira ás 19.30 horas

E é que a tramitación da solicitude de indulto adiaba a entrada en prisión dos dous operarios vigueses até se pronunciar o Consello de Ministr@s. Tempo en que as centrais sindicais agardaban poder procurar novos acordos a favor da medida de graza con entrevistas que abranguerían o propio Ministerio de Xustiza. 

“O tempo agora corre na nosa contra, xa que a partir de agora temos 20 días para presentar alegacións na Fiscalía” ou do contrario Carlos Rivas e Serafín Rodríguez entrarán no cárcere, indicou o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero en comparecencia de imprensa. 

Neste senso, os sindicatos anunciaron que intensificarían as accións a prol do indulto para Carlos e Serafín, a comezar pola convocatoria dunha nova mobilización a quinta feira (10 de abril) ás 19.30 horas desde a Praza dos cabalos até a farola de Urzáiz. 

Comentarios