Fin aos partes de baixa médica

Desde este sábado as traballadoras e os traballadores non terán que entregar á empresa o parte de baixa médica.

Desde este sábado 1 de abril elimínase a obriga de notificar as baixas laborais ás empresas.
photo_camera Desde este sábado 1 de abril elimínase a obriga de notificar as baixas laborais ás empresas.

Traballadoras e traballadores que temporalmente estean incapacitados para desenvolver a súa actividade laboral deixarán de estar obrigados a entregar á súa empresa o parte médico de baixa desde este sábado, 1 de abril, segundo unha norma aprobada no último Consello de Ministros de 2022.

Esta medida afectará os procesos de incapacidade temporal que se atopen en curso sempre que non superen os 365 días de duración.

A norma estabelece que, no que respecta aos partes médicos de altas e baixas, só se entregará unha copia ao traballador ou traballadora, eliminando tanto a segunda copia como a obrigación do traballador ou traballadora de entregar esta copia na empresa, entidade xestora ou mutua.

Será a Administración a que, por medios telemáticos, comunique ás empresas a expedición dos partes médicos dos seus traballadores, evitando así trámites que poden resultar "gravosos" para persoas que están en situación de incapacidade temporal.

Cambios no procedemento

Co procedemento tradicional, que deixará de estar vixente desde este sábado, o médico entregaba ao traballador ou traballadora, ademais do parte médico, unha copia en papel dos partes médicos de baixa, confirmación e alta médica para que a presentase, nun prazo determinado, na empresa, a cal, á súa vez, ha de cubrir certos datos requiridos nos mesmos e remitilos á entidade xestora.

Deste xeito, a partir de mañá, o facultativo que expida o parte médico de baixa, confirmación ou alta entregará a unha copia ao traballador ou traballadora, pero será o servizo público de saúde ou, no seu caso, a mutua ou a empresa colaboradora a que remita os datos contidos nos partes médicos de baixa, confirmación e alta ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) por vía telemática. Terá que facelo de maneira inmediata, e, en todo caso, no primeiro día hábil seguinte ao da súa expedición.

Á súa vez, o INSS comunicará ás empresas os datos identificativos de carácter meramente administrativo relativos aos partes médicos de baixa, confirmación e alta emitidos polos facultativos do servizo público de saúde ou da mutua, referidos aos seus traballadores, "como máximo no primeiro día hábil seguinte ao da súa recepción no devandito Instituto".

As empresas terán a obrigación de transmitir ao INSS, a través do sistema de Remisión Electrónica de Datos (REDE), con carácter inmediato e, en todo caso, no prazo máximo de tres días hábiles contados a partir da recepción da comunicación da baixa médica, os datos que se determinen mediante orde ministerial.

O incumprimento da citada obrigación poderá constituír, no seu caso, unha infracción leve das contempladas na Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social (LISOS), sancionada, neste caso, con multa de 70 a 750 euros.

Comentarios