As encomendas de xestión de patrimonio eluden a licitación

Unha filial de Tragsa leva máis de 1,5 millóns de euros en contratos de Cultura

O TSXG admitiu a trámite unha denuncia contra a Consellaría de Cultura pola contratación externa do servizo de arqueoloxía a unha filial de Tragsa desde 2018. O sindicato denunciante, a CIG, defende que o traballo debería realizalo o persoal funcionario para garantir a independencia.
Visita institucional ás excavacións da Illa de Areoso (Xunta da Galiza)
photo_camera Visita institucional ás excavacións da Illa de Areoso (Foto: Xunta da Galiza)

A externalización de servizos por parte da Administración galega no ámbito de Patrimonio chegou aos tribunais. Profesionais do sector da arqueoloxía denunciaron en varias ocasións a contratación de persoal á empresa pública estatal con sede en Madrid, Tragsatec, filial de Tragsa, para a elaboración dos informes sobre o impacto das obras que afectan a bens do patrimonio cultural. 

Agora a CIG vén de presentar un recurso na sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que foi admitida, contra a Consellaría de Cultura por realizar reiteradas encomendas de xestión que ascenden a 1.685.904 euros desde 2018.

"O asunto radica, como noutros departamentos da Administración galega, en que no canto de crear novas prazas de funcionariado o que se fai aquí é encomendarlle a Tragsatec o traballo que este persoal debería asumir", explica a Nós Diario o arqueólogo Julián Bustelo, "neste punto chama a atención que o traballo, que debería desenvolver unha persoa logo de superar un proceso selectivo determinado, remate desta maneira nunha persoa que é contratada por unha determinada compañía de maneira discrecional", engade. 

Sistema opaco de contratación de servizos

"Aínda dando por boa esa externalización para non convocar novas prazas, o que fai a Administración con esas encomendas a Tragsatec é librarse dos procesos de licitación que doutro modo debería levar a cabo", opina Bustelo. 

Toño Fernández, da CIG-Administración, coincide en sinalar que "a Xunta fai unha pequena trampa e no canto de contratar unha empresa privada faino cunha semipública onde se perde todo tipo de control sobre a contratación". Con este sistema, ademais, non existe moita información que explique os gastos que se facturan. Desde a central sindical nacionalista falan de “arbitrariedade” nas cifras que figuran nestes contratos.

“Unha encomenda de seis meses que en 2018 custou 261.000 euros, en 2019 fíxose por 159.000 euros, en 2020 custou no primeiro 395.000 euros e no segundo 308.000 euros e en 2021 valerá 409.000 euros”, sinala a Nós Diario. Tamén denuncian que se descoñece por completo o número de persoal contratado ou o número de informes que se realizan. 

A propia Tragsatec, segundo Fernández, "pode ser unha empresa de servizos pública mais non conta con persoal nin moito menos o específico necesario polo que para contratar faino por páxinas web ou amiguismo".

Da mesma maneira, desde a CIG apuntan que os informes “están feitos á carta, non deixa de ser unha empresa con ánimo de lucro con directivos que cobran un soldo que descoñecemos”. 

Listaxes públicas 

Pola contra, as listaxes de persoas inscritas para cubrir as prazas vacantes, após pagar as correspondentes taxas para acceder, levan anos sen moverse. Desde a CIG informan que unha praza de arqueóloga ou arqueólogo creada na modificación da relación de postos de traballo de setembro de 2017 estivo sen cubrir até finais do ano 2020 e outras dúas máis xunto con tres de arquitecta ou arquitecto, creadas na modificación da relación de postos de traballo de decembro de 2019, estiveron vacantes e sen cubrir en todo o 2020 e aínda a día de hoxe non parece haber previsión para cubrir estas segundas.

Perigo para o propio patrimonio 

Desde a CIG van máis alá da denuncia sindical pola situación laboral nese departamento e cren que podería estar en perigo o propio patrimonio. "Os informes levan a sinatura da directora xeral para darlle validez e con eles decídese se se pode construír no Camiño de Santiago, mudar un tellado, traballo que depende de Patrimonio". Para contar coa validez legal, os informes pasan pola Dirección Xeral, cunha sinatura oficial, mais segundo este sindicato, non se realiza ningunha comprobación. "Tememos que se non hai control funcionarial ningún o que prima é a cuestión económica", sinala este sindicalista.

 Opina que sacar o traballo técnico da esfera directa da Administración ten o risco de que o rendemento económico obrigue a facer "un copia e pega". Por este motivo, alerta do incremento de casos en que periga o patrimonio. "Desde destrucións de mámoas até construír enriba dunha muralla medieval por non contar cunha análise exhaustiva e ás veces nin mesmo cunha visita ao lugar", expón. Mesmo non desbota casos non que puido existir "unha presión da construtora sobre Tragsatec, que non pasaría cun funcionario por ser independente".

Reducir gastos de persoal funcionario

Os orzamentos da Xunta destinados á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pasaron de 16.537.161 euros no ano 2020 até 16.710.349 euros en 2021, un incremento que se situaría en 1,04%. En relación aos gastos de persoal descende algo máis de 1,2 millóns de euros menos que no ano 2020 (-14,07%).

Segundo os arqueólogos Julián Bustelo e Victor Barbeito, a operación realizada pola Xunta da Galiza coa externalización de servizos podería permitir paliar o déficit estrutural de persoal técnico que arrastra a Administración galega sen crear novas prazas de persoal. As prazas máis recentes que se crearon neste departamento público proceden da última reforma de 2019. Segundo fontes sindicais, consistiron en dous postos de arqueoloxía que non conseguiron reducir a demanda e o atraso na elaboración de informes que se solicitan.

Comentarios