Ferrolterra marcha polo futuro dunha comarca "traizoada"

Centos de persoas manifestáronse este domingo na ponte das Pías, que divide ás localidades de Ferrol e Fene, para lanzar un 'SOS Ferrolterra - Polo futuro da comarca', lema da pancarta que encabezou a mobilización. Dúas marchas desde Astano, Fene, e O Montón, Ferrol, reuniron os participantes sobre a ría para esixir industria e traballo.
Manifestación polo futuro das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortgal na ponte das Pías. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manifestación polo futuro das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortgal na ponte das Pías. (Foto: Europa Press)

"Que non nos rouben o futuro!". A convocatoria da manifestación convocada este domingo polos sindicatos CIG, CCOO e UXT para demandar solucións industriais e reclamar oportunidades laborais, avanzaba unha das proclamas da mobilización, que reuniu na ponte das Pías unhas 700 persoas procedentes das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, representadas tamén por varios alcaldes da contorna.

A manifestación concluíu sobre a ría, onde os participantes lanzaron de maneira simbólica un barco de cartón ao mar cunha una lenda pintada a babor e estribor: SOS Ferrolterra.

"Unha comarca que foi motor industrial e referente da loita sindical na Galiza e no Estado español atópase hoxe agonizante despois de ser traizoada por todos os Gobernos e tódalas as Administracións". "Queremos traballar e non mendigar ou emigrar, queremos que cumpran a palabra dada durante décadas a todo un pobo", reivindicaron os traballadores e traballadoras dunha contorna que reclama unha "débeda histórica", nomeadamente "desde a mirada da esquerda".

Unha batalla máis

Así, o secretario comarcal da CIG, Manel Grandal, asegurou que este mobilización foi "unha batalla máis dentro desta guerra, ante a situación de desemprego, pobreza e emigración da nosa mocidade".

Acusou as Administracións de vivir "de culparse unhas outras", xa que o Goberno estatal está "desaparecido". "Parece que nin está nin se lle espera", e a Xunta, engadiu, "vive da propaganda e esquecendo que son os verdadeiros responsábeis da política industrial" do país.

Grandal tamén lamentou que "a estas alturas" nin Estado nin Xunta fosen "capaces de sentar para constituír unha mesa para abordar o futuro destas comarcas".

Desde CCOO, o seu novo secretario comarcal, José Furtado, detallou que a comarca está "en declive": "Pechouse Siemens, Gamesa nas Somozas, a central térmica de Endesa nas Pontes está a agonizar e Navantia está como está", en alusión á falta de carga de traballo no estaleiro.

Por iso, pediu que "as Administracións, dunha vez por todas, deixen de facer a guerra unhas a outras", porque o "importante" é "que a xente vexa que estamos a pelexar polo futuro da comarca".

"Non se nos está escoitando"

José Antonio Díaz, secretario comarcal de UXT, aseverou que "non é posíbel" que os sectores económicos da zona estean nesta situación e con esta " inacción política". "E non se nos está escoitando", incidiu.

Mais asegurou que "Ferrolterra está unida na procura de carga de traballo para o sector naval" e na devolución todo o que "roubaron desde a primeira reconversión que existiu". "Desde entón estásenos recortando o noso tecido industrial, algo que non imos permitir", avisou o responsable de UXT.

Construción naval civil

Na mobilización participou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen reclamou para este territorio "un plan de reactivación industrial e económica, que sexa atendido por parte das Administracións competentes", á vista do "abandono tanto por parte do Goberno central como por parte do Goberno da Xunta".

O nacionalista volveu demandar a conversión de Navantia "nun complexo industrial integral, coa diversificación e a incorporación fundamental da construción naval civil", así como unha transición enerxética xusta fronte "ao feche da central térmica das Pontes sen alternativas", ademas "dunha rexeneración na ría de Ferrol": "Sabemos que a día de hoxe está no mínimo da súa capacidade produtiva", adveritu.

Por último, Rego tamén demandou "a modernización das infraestruturas de todo tipo nunha comarca que está abandonada neste ámbito", e fixo un chamamento á ministra de Traballo, a ferrolá Yolanda Díaz, para que atenda "os seus compromisos".

Para o deputado do BNG, a ministra e vicepresidenta terceira "leva máis dun ano e medio incumprindo" a derrogación da última reforma laboral, que "é fundamental para poder recuperar dereitos todos os traballadores".

Comentarios