Ferroatlántica négase a ofrecer garantías para o emprego e futuro das fábricas

A dirección de Ferroatlántica non cede. Négase a ofrecer garantías de traballo para o persoal, o futuro das fábricas e tampouco quere arrincar os fornos parados. Mesmo manexa, asegura a CIG, a posibilidade de prorrogar o actual expediente de regulación de emprego.
 

ferroatlántica comité concentración Imaxe CIG
photo_camera Concentración dos traballadores de Ferroatlántica: Foto: CIG.

Logo dunha xuntanza entre representantes dos traballadores e cúpula da compañía, esta confirmou que mantén os plans de vender as centrais e rexeitou a retirada dos recursos presentados contra a Xunta por esta non autorizar a segregación e venda dos aproveitamentos hidroeléctricos.

“Será imposíbel avanzar en ningún tipo de acordo”, considera a CIG nun comunicado, “porque calquera entendemento pasa porque a empresa presente un calendario efectivo para o arranque dos fornos e por garantías de emprego e produción industrial”. O sindicato alerta da deslocalización a plantas de Francia e Noruega e asegura que a mellor garantía de emprego é “a retirada dos recursos contra a Xunta”.

Ao tempo, a central sindical critica que o Goberno galego se manteña “de perfil” no conflito mentres o PP da Costa da Morte afirma que a Xunta “estaría dosposta a manter as concesións de Ferroatlántica con dous fornos parados”. Para a CIG, isto fai perigar a viabilidade do emprego.

“A actividade das centrais está vinculada á actividade industrial”, entende o sindicato. Ou as plantas galegas quedan fóra do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) ou ben se trata “dunha fraude por parte da empresa: non pode haber fornos parados coas centrais plenamente operativas”.

A CIG esixe da Xunta “que se poña do lado dos traballadores e traballadoras”, que rexeite “o marco negociador imposto por Ferroatlántica”, que faga valer as cláusulas conesionais mineiras e hidráulicas e que cumpra os compromisos adquiridos cos comités de empresa “para impedir que o ERTE vaia adiante nos termos que pretende o Grupo Villar Mir”.

Comentarios