Ferroatlántica adía até 2021 a suba salarial ás traballadoras da planta de Sabón

A dirección de Ferroglobe e os sindicatos acordan manter en funcionamento dous fornos na planta arteixá entre marzo e novembro.
Instalacións de Ferroatlántica no polígono de Sabón (Arteixo)
photo_camera Instalacións de Ferroatlántica no polígono de Sabón (Arteixo)

Acordo entre os sindicatos e a dirección de Ferroglobe, o grupo propietario da planta de Ferroatlántica no polígono de Sabón (Arteixo), para adiar até 1 de xaneiro de 2021 o incremento salarial de 2,3% previsto para este exercicio. A decisión tomouse após unha negociación que se levou a cabo durante toda a xornada desta quinta feira, segundo indicaron onte nun comunicado UGT, CCOO e Sindicato Unitario.

A conxelación da suba salarial non foi a única medida adoptada na xuntanza. A dirección da empresa e os sindicatos acordaron non recorrer á externalización de ningunha actividade, non reducir ningún posto de traballo, recortar 5,5% os custos laborais sen que se repercutan en conceptos salariais, e a retirada do descolgue salarial de 15%. 

Entre eses acordos, que as partes asinantes do acordo trasladarán aos ámbitos de negociación pertinentes, tamén figuran garantías de actividade produtiva para as tres plantas do grupo Ferroglobe no  Estado español: a de Boo (Cantabria); a de Monzón (Huesca) e a galega de Sabón. Así as partes propoñen que de 1 de marzo a 15 de xuño estean en funcionamento dous fornos en cada unha das tres factorías. No período comprendido entre o 1 de agosto e o 30 de novembro, a planta de Boo terá operativos res fornos, por dous que haberá nas plantas de Sabón e Monzón. 

Estas medidas anunciadas pola empresa e as representantes das traballadoras son consecuencia, apuntan nun comunicado, da difícil situación que atravesan estas factorías polo altos custos da enerxía. Á espera da aprobación do estatuto para as industrias electrointensivas, a factoría galega de Sabón ten sobre a mesa un ERTE que pode quedar sen efecto após garantir a actividade.

Comentarios