Fernando Iglesias, presidente de Agacis

“O celador de hoxe non é o padioleiro de hai corenta anos”

O persoal celador das institucións sanitarias de Galiza, colectivo integrado por 3.000 persoas, demanda unha formación regrada que lles permita atender as novas responsabilidades que afrontan desde hai anos. Unha petición á que, até o de agora, a administración fai ouvidos xordos.

fernando iglesias celador sanidade saude
photo_camera Fernando Iglesias

Falamos con Fernando Iglesias, presidente da Asociación Galega de Celadores de Institucións Sanitarias (Agacis).

-Incidides na necesidade dunha formación regrada para o persoal celador de institucións sanitarias, un colectivo de máis de 3.000 persoas en Galiza, afirmando que no voso traballo diario tendes que facer fronte a responsabilidades para as que, cando chegades ao posto, non estades preparados

-Hoxe en día o único requisito que exixen para traballar como celador en calquera hospital do Sergas é o certificado de escolaridade. Preséntaste a unhas oposicións, apróbalas e comezas a traballar sen ningunha formación específica. Nós o que pedimos é que toda persoa que vaia traballar como celador teña unha formación acaída.

-Poñedes o acento na importancia diso…

-Nun hospital hai unha serie de áreas, como son os quirófanos, saúde mental, unidade de doentes críticos, urxencias… os celadores somos a primeira persoa que aí recepcionamos os doentes. Mesmo nas salas de autopsias, a persoa que fai a autopsia, que é un médico forense, o axudante que ten é un celador, non enfermeiras nin auxiliar de enfermaría… Ben, nós a día de hoxe somos persoal non cualificado. Existimos desde 1971, que foi o ano no que un estatuto recolle as nosas funcións, que é o estatuto de persoal non sanitario. Aí regúlanse 23 funcións e ficou obsoleto, anacrónico. Desde 1971 a 2018 podemos dicir que a día de hoxe case ningunha desas 23 funcións é a que se realizan nun complexo sanitario. Todo cambiou, avanzou… O celador de hoxe non é camilleiro [padioleiro] de hai 40 anos.


-Houbo un cambio importante…

-Un celador hoxe non só leva cadeiras de rodas e padiolas polo hospital. Tanto traslada doentes críticos canda o anestesista cando acaban as intervencións nos quirófanos como está nun quirófano pendente de preparar a aparataxe, posicionar os doentes…

Se eu comezo agora como celador, quen me vai ensinar? Pois un compañeiro veterano que me explica como ir facendo as cousas. Ou sexa, polo boca a boca


-Son tarefas que implican responsabilidade…

-Moita. Tamén traballas con crianzas, con embarazadas… Eu levo 27 anos traballando como celador, estou nun materno-infantil, polo que o meu traballo é con parturientas e nenos. E iso non é un labor como para que poida facelo calquera.

No 2011, o Ministerio publicou un decreto no que se recollía a cualificación profesional do persoal celador. Este Real Decreto ficou sen aplicar polas comunidades autónomas. É dicir, algo lexislado hai, mais non se levou a cabo.


-Entón a día de hoxe continúan como hai anos, independentemente dese Real Decreto..

-Efectivamente. Se eu comezo agora como celador, quen me vai ensinar? Pois un compañeiro veterano que me explica e di como ir facendo as cousas. Ou sexa, polo boca a boca. Ademais está o persoal das bolsas de contratación, onde hai máis de 6.000 persoas anotadas nas listas de celadores. Persoas que poden ser chamadas en calquera momento para cubrir unha ausencia de persoal con praza. E cando chegan? Pois se lles toca ir a un quirófano, van a un quirófano, aínda que nunca traballaran nun. Iso xera moita importancia.  A xente quere aprender.

E algo que queremos deixar moi claro, esta demanda non é para pedir máis categoría laboral ou que nos paguen máis, non. Somos persoal non cualificado, o que non compartimos desde Agacis. Pero deberíanse preocupar desde a administración en dar polo menos unha formación básica a esta xente das listas. Hai formación nos hospitais? Hai, pero moi escasa, para moi pouca xente.

Queremos deixar moi claro que esta demanda non é para pedir máis categoría laboral ou que nos paguen máis

-Que debería comprender esa formación regrada que solicitades?

-A formación debe ser en áreas específicas, especiais: formación de celadores en quirófano, na unidade de psiquiatría, en coidados críticos, na UCI, na sala de autopsias, con doentes con connotacións especiais… Os celadores non formamos parte dos protocolos dos hospitais! Os hospitais nas distintas áreas teñen protocolos de traballo: en urxencias, etc.. Este protocolo está en función do persoal que traballa nesas áreas: médicos, enfermeiros, auxiliar de enfermeiría… Mais o celador sempre está excluído deses protocolos. Que se nos inclúa aí é unha necesidade! Para incluír aquí temos que estar formados, ser persoal cualificado.

Ao persoal celador cando comezamos en 1971 clasificóusenos como profisionais non sanitarios. Nun hospital hai tres tipos de persoal: médico, enfermaría e non sanitario. Neste último hai persoal administrativo, de oficios e persoal subalterno. Os celadores estamos neste, onde está o persoal de axuda. Mais o celador ten unha atención directa co doente: nós trasladámolos, limpámolos, colocámolos nunha mesa de intervencións…


-Que postura teñen desde a administración a respecto das vosas demandas?

-Agacis naceu antes de 2011, ano no que se publicou aquel real decreto. Temos un único obxectivo: lograr a cualificación persoal do celador, para outras cuestións xa están as forzas sindicais. De lograr esta finalidade, a asociación desaparecería ao cumprirse o seu obxectivo.

Fomos onde o Valedor do Pobo a expoñer as nosas demandas, tivemos reunións coa conselleira de Sanidade, con outros altos cargos… mais solución non nos dan, remítennos a Madrid co argumento de que é algo que hai que lograr alí. Pero nós somos persoal celador do sistema de sanidade público galego.


-O resto do persoal sanitario, que opina?

-Tanto o persoal médico como de enfermaría están totalmente de acordo coa nosa demanda, que temos que ter unha formación. Non é lóxico que haxa un taller formativo sobre traslado de doentes nun hospital e que os celadores non poidan ir a eses obradoiros. Moita xente pensa que o celador é o que anda empurrando unha cadeira de rodas por un hospital. Vale, facémolo mais hoxe en día as nosas responsabilidades son moito máis.

Comentarios