A fenda salarial obriga as mulleres a traballar 84 días máis que un home para percibir o mesmo soldo

Un recente estudo publicado salienta a pervivencia e agravamento da fenda salarial entre mulleres e homes. Elas cobran peores salarios, pensións e prestacións que as deixan --en non poucos casos-- por debaixo do limiar da pobreza. 

conserveiras

Os últimos dados coñecidos son de 2011 e 2012, mais dan conta da pervivencia de discriminacións por razón de xénero en materia salarial. Mais non só. As mulleres do Estado español continúan a cobrar salarios máis baixos que os dos homes --ocupando igual posto de traballo e co mesmo nivel de formación. Aliás, a precariedade laboral atínxeas máis fortemente, optando a contratos laborais nomeadamente temporais --o 26% das mulleres asalariadas-- que veñen a se sumar, doutra volta, a retribucións inferiores que as dos homes. 

Destarte, con menores ingresos, as rendas derivadas do traballo son igualmente máis baixas. Cobran menos prestacións por desemprego e por menos tempo. Igual que as pensións por xubilación. 

Estas son as conclusións tiradas dun estudo publicado pola UGT a nivel estatal. A central sindical española sinala a "precarización do traballo a tempo parcial" e a "feminización de certos sectores" como as principais causas da situación económica que atravesan as mulleres, maioritariamente peor que a dos homes. 

Salarios un 23% máis baixos 
Segundo os dados recollidos polo estudo, as mulleres gañan un 23% menos que os homes, o que as obriga a traballar "84 días máis ao ano" para percibiren igual retribución que eles. Neste senso, en 2012 d@s 7,7 millóns de mulleres ocupadas no conxunto do Estado, 1,7 millóns (o 22,07%) cobraron soldos inferiores ao salario mínimo interprofesional. Os 612,9 euros que percibiron de media ao mes sitúaas por baixo do limiar da pobreza. Así mesmo, máis da metadedelas non chega aos 1.000 euros mensais e só o 0,27%, explican desde a UGT, teñen ingresos dez veces superiores ao salario mínimo. 

O 71,81% percibe pensións por baixo do salario mínimo
Esta realidade laboral re-produce as desigualdades nas rendas derivadas do traballo. Destarte, o 71,81% das mulleres ten unha pensión por xubilación inferior ao SMI (641 euros). "Máis dun millón de mulleres xubiladas", apunta o sindicato español, "está sufrindo as consecuencias da discriminación soportadas ao longo da vida". Esta realidade, sumada ao aumento do custe da vida --que reflicte o incremento do IPC-- os altos custes dalgúns servizos ou as sucesivas subas do IVE aprobadas polo goberno de Madrid, "limita ou impide que moitas mulleres poidan cubrir as súas necesidades básicas", salienta o devandito informe.

Só o 20,73% conta con prestación por desemprego
Tamén así as prestacións por desemprego son desiguais para elas pois "está peor retribuído" e "dura menos" ao percibiren de media ao ano 1.825 euros menos que un desempregado na súa mesma situación. O estudo salienta que das 2,8 millóns de mulleres sen traballo só 580.600 reciben unha prestación pois "vanse reducindo as que reúnen os requirimentos de cotización suficientes para accederen ao desemprego contributivo" froito "da elevada presenza de traballos temporais e a tempo parcial", denuncia a UGT. 

Comentarios