Estatística da Axencia Tributaria

A fenda salarial chega ao 27,5% na Galiza

Tomándomos como referencia o soldo, as mulleres cobran na Galiza 4.431 euros menos que os homes, o que representa un 27,5%. Son datos das Técnicas e Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha).

greve mulleres

As mulleres gañan na Galiza un 27,5% menos que os homes, o que representa unha media de 4.431 euros, segundo o informe Fenda salarial e teito de cristal das Técnicas e Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha), que debulla as diferenzas de soldo por sectores de actividade e provincias de acordo aos últimos datos da Axencia Tributaria.

Gestha sitúa Galiza como o caso máis extremo a respecto da fenda salarial, pois calcula que, ao ritmo actual, é o territorio onde máis se tardaría en suprimir esta desigualdade. As Técnicas e Técnicos de Facenda calculan que se tardarían 615 anos en lograr que mulleres e homes cobrasen o mesmo.

A área xeográfica con maiores desigualdades na Galiza é a que abrangue as comarcas pontevedresas. Alí as mulleres cobran un 30,9% menos. As comarcas menos desiguais son as ourensás, cun 18,2% de fenda salarial.

Segundo Gestha, a diferenza de salario entre homes e mulleres é maior conforme aumenta a idade debido á maternidade e ao coidado de persoas maiores. Os saltos máis significativos danse a partir dos 36 e 46 anos. Aliás, a diferenza maior ten lugar a partir dos 65, unha idade na que a fenda supera os 11.400 euros. “En termos relativos sobre o soldo da muller, as maiores de 65 non prolongan a súa actividade laboral na cúspide retributiva, pois a fenda salarial a partir desa idade é dun 136,6% do soldo medio da muller desa franxa de idade”, recolle o informe.

Por sectores

As causas son, segundo as Técnicas e Técnicos de Facenda, os postos de traballo máis precarios que ocupan as mulleres a respecto dos homes, con xornadas parciais e soldos anuais por debaixo dos 7.400 euros e mais o teito de cristal. “A partir dos 60.000 euros anuais apenas copan [as mulleres] un terzo dos postos de traballo”, sinala Ghesta. “Caen a case dúas de cada dez traballadoras no top salarial das persoas con ingresos de máis de 126.000 euros, onde amais a fenda salarial das mulleres máis cualificadas aumenta até os 18.000 euros anuais, un 14,3% do seu soldo medio”, acrecenta o estudo.

Por sectores, a fenda salarial na Galiza é maior en Agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, onde as mulleres cobran un 43,8% menos que os homes. As Entidades financeiras e aseguradoras, cun 42,1%, e a Industria, cun 41,7%, son os outros sectores en que a desigualdade salarial é maior. Onde menos fenda se dá é no sector da Construción e actividades inmobiliarias, cun 9,5%.

Os datos de Ghesta son aínda máis desalentadores que o presentado recentemente pola CIG, que no seu último informe advirte de que a fenda das traballadoras supera o 21% mentres que a das pensionistas chega ao 36%

 

Comentarios