AS MULLERES TEñEN QUE TRABALLAR 85 MáIS AO ANO PARA CONSEGUIR O MESMO SALARIO

A fenda salarial aumentou dous puntos desde que comezou a crise

As traballadoras galegas perciben o 23,4% menos que os seus compañeiros homes, unha diferenza que se agranda canto maior é a estabilidade laboral.

Mar de Galicia_Redeiras
photo_camera Redeiras [Imaxe Mar de Galicia]

As mulleres cobran menos que os homes polo simple feito de seren mulleres. No concreto, perciben un salario o 23,4% menor obrigándoas a traballar 9 anos máis que un varón se queren obter pensión máxima após xubilárense. 

Estas son algunhas das conclusións tiradas do estudo 'Traballar igual, cobrar igual' elaborado pola UGT. Porén, non só ser muller carrexa diferenzas, tamén ser galega. 

As galegas perciben o 23,4% menos que os homes por igual traballo e o 11,6% menos que a media das mulleres do estado 

Neste senso, o salario dunha traballadora no noso país supón o 11,6% menos do que a media do estado situándose Galiza como o cuarto territorio cos salarios --para elas-- máis baixos. Aliás, se a variábel de análise empregada son as horas normais traballadas --un elemento non atinxido pola temporalidade nen a contratación a tempo parcial-- as galegas son, detrás das cántabras, as que menor retribución perciben, o 16,3% menos que os homes e o 13,8% menos que a media das mulleres de todo o Estado español. 

Esta fenda salarial obriga as traballadoras galegas a teren que manterse activas 9 anos máis que os homes se queren percibir a xubilación máxina após 36 anos de vida laboral, como exixe a lexislación actual. Isto é, 85 días máis ao ano, ou o que é o mesmo, até o 26 de marzo do ano seguinte. 

Asemade, advirten desde a UGT, de acordo co ritmo no que mingua a fenda entre os salarios das mulleres e os homes, "habería que agardar 70 anos para conseguir a igualdade de remuneración" que fixa a normativa internacional. 

Para teren o mesmo salario que un home as mulleres terían que traballar 85 días máis ao ano

E é que desde que estourou a crise económica, en 2008, a fenda salarial incrementouse 2 puntos, lonxe de se reducir. Se hai oito anos as mulleres percibían un salario medio anual de 16.646 euros fronte os 21.105 dun traballador, en 2013 --ano dos dados analizados-- a diferenza situábase entre os 17.258 euros delas e os 22.522 deles. 

Esta realidade non muda en función da modalidade contractual. Neste senso, canto maior é a estabilidade laboral, maior é a diferenza entre os salarios dos homes e das mulleres pasando do 13,7% naqueles contratos temporais ao 24,8% nos indefinidos. 

A diferenza mantense en todas as faixas de idade e reverte, consecuentemente, na contía das prestacións sociais e tamén nas pensións abocándoas a elas a menores ingresos que os homes cando fican sen traballo ou deixan de traballar. 

Comentarios