Felipe Ces é creador de Kameleon Vintage

Felipe Ces: “A pandemia supuxo unha carreira en solitario para os negocios que son máis pequenos”

Felipe Ces é o creador de Kameleon Vintage, unha tenda de roupa de segunda man localizada en Santiago de Compostela, que naceu froito da casualidade e do infortunio. Felipe rompeu unha perna mentres estaba de Erasmus en Bulgaria, e iso permitiulle centrar todo o seu tempo en deseñar unha tenda de roupa en liña como parte do seu traballo de fin de grao. Ao pouco, o éxito da tenda e a acollida que tivo entre as universitarias e universitarios de Santiago fixeron que se puidera instalar nun local. 
Martín, Eva e Felipe rexentan Kameleon Vintage en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Martín, Eva e Felipe rexentan Kameleon Vintage en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

-Cando tiveron a idea de crear Kameleon?

Hai cinco anos, nunha viaxe que fixen a Italia merquei nun mercadiño da zona roupa como a que vendemos nós, pero aínda máis barata. Deime conta de que aquí, na Galiza, esa roupa vendíase por moito máis prezo, polo que era un negocio interesante. Evidentemente, non podía ir a Italia a miúdo para conseguir pezas de roupa a ese prezo, así que o deixei un pouco de lado. Pero durante o Erasmus, como rompín unha perna e case non podía saír de festa nin facer viaxes, dediqueime a percorrer as tendas de roupa vintage que hai en Sofía. Penso que unhas trinta tendas de segunda man, cuxos donos non chegaban aínda a entender cal era o verdadeiro significado e o verdadeiro valor do vintage. Cando volvín, decidín centrar o meu proxecto de fin de grao en crear unha tenda en liña con roupa de segunda man. Cando xa vimos que comezaba a funcionar ben, decidimos empezar a vender de maneira presencial nun local. Agora mesmo, Martín, Eva e mais eu somos quen traballamos en Kameleon. A parte máis administrativa e da web lévoas eu, mentres que Martín e Eva encárganse de aspectos máis relacionados coa organización e a difusión das pezas.

-Para alguén que non entenda o termo vintage, que tipo de roupa venden?

A verdade é que temos un rexistro de roupa bastante amplo. Desde polos de Lacoste até chándales de Adidas dos anos 90, pasando polas crazy jackets. Temos unha parte do que se poderían chamar clásicos, con diferentes chaquetas, polos, abrigos... de marcas moi recoñecíbeis, e despois roupa dun estilo máis deportivo. Principalmente eses son os estilos nos que nos movemos.

-Como conseguen a roupa para despois vendela no local?

Nun principio, conseguiámola viaxando e indo a diferentes mercadiños. Neses lugares comecei a coñecer varios provedores, aos que acompañaba aos seus almacéns. Iso fixo que me fose moito máis sinxelo adquirir a roupa, porque non tiña que ir posto por posto, senón que podía tratar directamente con eles para conseguir o material. Neste negocio é moi difícil atopar provedores que traballen ben e que non te intenten enganar. Traballei xa con máis de cincuenta provedores distintos. Teño a sorte de que co que traballamos agora estamos moi ben. Deunos a vida na pandemia, e é moi probábel que sen el, Kameleon xa non existiría. O dos provedores é un mundo bastante complicado, e en especial cando xestionas unha tenda online.

-Como é para un pequeno negocio subsistir nos tempos de pandemia?

Se para calquera negocio xa é complicado, penso que para un pequeno comercio, que traballa cuns ingresos máis ou menos axustados e que ve como se reducen de xeito drástico en pouco tempo, é moi difícil. Tivemos a sorte de que cando as cousas ían ben conseguimos aforrar unha parte de beneficios para trasladarnos a un local máis grande, que tamén implicaba máis gastos, pero que se puido afrontar. Aínda así, foi moi complicado aguantar todo este tempo.

-Pensa que as institucións apoiaron o suficiente o pequeno comercio?

Eu, por exemplo, sen contar a redución da cota de autónomo, non recibín ningún tipo de subvención nin de axuda especial. O que notei é que cada vez que intentaba solicitar algunha prestación, tiña que facer moitos trámites e achegar moitos datos, o que facía que en moitos casos non me dera tempo a entrar nos prazos de petición. Penso que foi unha carreira en solitario para os negocios máis pequenos. Os traballadores dos comercios máis locais non temos tempo para levar a cabo todas as xestións que son necesarias para acceder ás axudas, porque non damos para máis co propio traballo.

Comentarios