Feixoo reinicia o diálogo social

A Xunta, a patronal e os sindicatos CCOO e UXT retomaron o diálogo social coa sinatura esta cuarta feira dunha declaración institucional na que se comprometen a reactivar a Galiza en materia económica e social. A CIG fala de "engano" e "fraude".
Francisco Conde, Ramón Sarmiento, Antonio Fontenla, Alberto Núñez Feixoo, José A. Gómez, M. Jesús Lorenzana e Valeriano Martínez. (Arxina)
photo_camera Francisco Conde, Ramón Sarmiento, Antonio Fontenla, Alberto Núñez Feixoo, José A. Gómez, M. Jesús Lorenzana e Valeriano Martínez. (Arxina)

Unha reunión na Cidade da Cultura e as fotos de rigor ao remate amosaron un entendemento total entre representantes do Goberno galego, co presidente Alberto Núñez Feixoo á cabeza, acompañado da titular de emprego, María Jesús Lorenzana, Economía, Francisco Conde, e do responsábel de Facenda, Valeriano Martínez; co portavoz da Confederación de Empresarias e Empresarios da Galiza (CEG), Antonio Fontenla, mais os secretarios xerais de CCOO, Ramón Sarmiento, e UXT, José Antonio Gómez. Feixoo presentaba esta cita lembrando que é unha continuidade do "diálogo social que tiñamos en marcha" e que "deu lugar a 11 acordos nos últimos meses". 

As prioridades da mesa de diálogo social

Segundo o documento asinado esta cuarta feira, as prioridades a desenvolver en diferentes mesas de traballo serían a competitividade empresarial, as políticas de emprego e o reforzamento dos servizos públicos. No primeiro dos temas incídese no investimento en industria e en servizos que xeren emprego de calidade. No segundo fálase da mellora dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) e a busca de novas fórmulas de traballo, nomeadamente o teletraballo. Para o terceiro tema comprometen unha mellora da calidade dos empregos, das prestacións e dos servicios os cidadáns. 

UXT e CCOO piden maior investimento público

"Hoxe queda aberta unha porta á reconstrución que debe pasar por un maior esforzo en investimentos públicos", sinalaba no acto de sinatura o secretario xeral de UXT, José Antonio Gómez. Para este sindicato o diálogo social é "o marco idóneo para a reorientación estratéxica dos próximos fondos europeos co fin de encamiñar a transformación económica e social da Galiza”.

En relación ao emprego, desde UXT propoñen "garantir medidas de apoio no novo contexto laboral pos Covid-19, vinculadas á recuperación da confianza e á seguridade laboral" e nos servizos públicos avanzar no seu reforzo, "especialmente a sanidade, a educación, os servizos sociais e a dependencia e a protección social". 

Pola súa banda, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, introduciu a idea de que Galiza "debe aspirar a dispor dun acordo consensuado, que sexa capaz de levala cara a un proceso de transformación no ámbito da dixitalización e da sostibilidade" para "dar resposta ao cambio climático e ao reto demográfico" a través de "modernizar o modelo produtivo e reforzar a barreira máis eficaz para loitar contra a pandemia". 

O presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Antonio Fontenla, puxo por diante "o compromiso do Goberno galego" de potenciar o diálogo social e salientou que, neste momento "temos que pelexar todos: as administracións, os traballadores e as empresas". "Se todos deixamos a nosa boa fe na loita por este tema creo que Galiza volverá a ter os números que debería no crecemento que estabamos", concluíu.

A CIG fala de "engano" e "fraude"

En declaracións a Nós Diario o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, aseguraba hai uns días cando se anunciou a convocatoria do diálogo social que o sindicato nacionalista "ten vontade de diálogo, mais non vai lexitimar as políticas regresivas, reaccionarias e de recortes que Feixoo leva anos practicando".

Lembraba, daquela, a carta dirixida ao presidente con motivo da creación dun comité de expertos para superar a crise económica e social derivada da Covid-19 na que expresara a súa enérxica protesta pola exclusión da convocatoria de reunións que tiveron lugar para tratar a situación laboral, económica e social do país no proceso de desconfinamento. 

"Para nós o diálogo social é unha fraude e un engano", asegura Francisco González Sío, secretario confederal de negociación colectiva da central nacionalista. En declaracións a Nós Diario cre que nestas mesas "acórdanse temas do día a día das empresas de costas ás traballadoras e aos  traballadores, é antidemocrático". Segundo este sindicalista "a Xunta e o Ministerio de Traballo están facendo un mal uso do diálogo social, asegurando que é a mellor maneira para os sindicatos de poder chegar a acordos beneficiosos para o persoal traballador e non é así".

Comentarios