Feche no Concello de Santiago do persoal da Escola Municipal de Música

Tomaron a decisión após coñecer que a única empresa que optaba ao concurso para xestionar este centro non incluíu no seu expediente a subrogación dos 24 empregados e empregadas actuais.

peche santiago escola musica

Persoal da Escola Municipal de Música e delegados da CIG-Ensino están fechados no Concello de Santiago “á espera dunha solución á súa situación laboral”, segundo sinalan desde este sindicato. A decisión adoptouse tras coñecer que a única empresa que optaba ao concurso para xestionar este centro non incluíu no seu expediente a subrogación dos 24 empregados e empregadas actuais.

Iso era o que temía o profesorado e o persoal de administración e servizos que nas últimas semanas viñan manifestando a súa preocupación polas consecuencias que podería traer para o seu futuro laboral a nova adxudicación do contrato deste servizo. A CIG-Ensino, como sindicato que ten a representación sindical neste centro, mantivo varias reunións co concelleiro de Educación Manuel Dios por este motivo, nas cales, afirma a central sindical, este comprometeuse por escrito a garantir a subrogación de todos os postos de traballo nas mesmas condicións e convenio actuais.

O secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Fernández, agarda que o Concello de Santiago atope unha solución que permita desbloquear este conflito “porque hai 24 familias que non poden ser reféns dunha situación da que non son para nada culpábeis e que se ten que resolver canto antes pola vía da negociación entre o goberno municipal e a nova empresa adxudicataria”.

Comentarios