Féchanse na Ceaga para visibilizar a "represión" no sector da automoción

Delegad@s da CIG encérranse nas oficinas do cluster en Vigo para denunciar os despedimentos e o proceso de reconversión do sector.

Ceaga_interior
photo_camera [Imaxes CIG]

Representantes da central sindical nacionalista tomaron esta segunda feira (21 de xullo) as oficinas da Ceaga en Vigo. A protesta ten por obxecto denunciar e visibilizar "a represión laboral" no sector, afirmou en declaracións a Sermos Galiza o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández. 

Desde a CIG "queremos implicar a Ceaga neste problema", salientou Fernández pois afirman que "non é individual" senón que toma parte nunha "estratexia" máis ampla que abrangue o conxunto das empresas que conforman o cluster se ben, acrecenta, "o caso máis descritivo é Citroën". 

Nesta factoría mantense unha folga de fame por parte da executiva da sección sindical da CIG desde hai semanas en rexeitamento polo despido de Francisco e David. Porén non son os únicos. "Nos últimos dous meses podemos levar 10 despedimentos" no sector, a maior parte atinxen a persoas con filiación sindical no que os sindicatos --nomeadamente a CIG-- coidan é unha "política represiva" por parte da patronal. 

Xulio Fernández: "Queremos implicar a Ceaga neste problema, non pode ficar allea"

Proceso de reconversión no sector

"O tema é que o sector da automoción está en plena reconversión", explica Xulio Fernández, na que se está a levar a cabo un proceso de "deslocalización" dos centros de traballo "cara Portugal". Neste senso, a maior parte dos despedimentos son presentados polas empresas como "obxectivos" daqueles operarios que "non queren irse", apunta. 

O fechamento, que rematará por volta das 15.00 horas visa "visibilizar que o cluster non pode ficar alleo nen aos despedimentos nen á deslocalización", di Fernández. 

Relevo en Citroën

En relación coa folga de fame en Citroën, desde a CIG explican que manterán o protesto "todo o tempo que sexa posíbel" e manterán "máis medidas de presión dentro das nosas posibilidades", acrecenta. 

Na sexta feira (18 de xullo) os dous operarios que mantiñan a greve foron relevados por Manuel Macieira e Brais Torres pois "un xa comezaba a ter mareos" e Manuel Domínguez levaba "once días" sen se alimentar. 

Comentarios