A falta de traballo no naval ferrolán destruíu máis de 1.000 empregos nos últimos meses

As e os traballadores de Navantia e das empresas auxiliares volveron manifestarse esta quinta feira para exixir que se negocien novos contratos que garantan o mantemento dos postos.

photo_camera O cadro de persoal de Navantia e as empregadas das compañías externas que traballan para os estaleiros de Ferrol e Fene fixeron unha acción simbólica hai unha semana pendurando os seus buzos no perímetro do complexo.

A comarca de Ferrol, e máis concretamente o sector do naval, volveu lanzar esta quinta feira un berro desesperado exixindo carga de traballo para uns estaleiros que, do contrario, van acabar reducidos á mínima expresión.

Coa comarca en horas baixas -máis aínda polos efectos da pandemia nun tecido hostaleiro e comercial que xa non vivía os mellores tempos da contorna sen necesidade de coronavirus-, operarias e operarios de Navantia Ferrol clamaron polo seu futuro.

Após lembrar que a falta de contratos e actividade real levou á rúa a 1.047 traballadoras das compañías auxiliares nos últimos meses (sen contar as prexubilizacións anticipadas que se están a tramitar no seo da propia factoría), advertiron da necesidade de que cheguen a Ferrolterra proxectos como o do dique cuberto.

O presidente do comité de empresa, Emilio García Juanatey, concretou que o adeus foi a empregadas e empregados de “compañías de aceiros, xa que para eles non hai ningún tipo de traballo e queda agora moi pouca xente de auxiliares, son persoal de probas, de electricidade e doutros cousas menores de pintura, pero a gran maioría delas están fóra”.

Neste contexto, e antes de emprender unha marcha de protesta polas rúas da cidade que rematou na praza de Armas, Juanatey comentou que a saída a rúa é unha acción reivindicativa “para demandar carga de traballo e par denunciar que no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) non aparecen consignados fondos para a materialización dunha obra que consideramos fundamental”.

Así, aludiu á “construción dun dique cuberto, unha ferramenta fundamental para futuros contratos", unha vella demanda que cada vez se pide con máis insistencia.

O representante tamén reclamou, a nivel máis xeral, “un proxecto de futuro para a comarca, onde o estaleiro de Fene e fábrica de turbinas se unan para poder materializar proxectos de eólica mariña, porque non só o sector naval militar vai tirar disto”. De feito, mesmo hai un atraso nun encargo de fragatas F-110 para a Armada Española.

Comentarios