Falece un bombeiro en prácticas en Santiago atropelado por un autobús nun operativo de extinción

Era un bombeiro novo e que "acababa de incorporarse" ao cadro de persoal, segundo apuntou o Concello de Santiago. De feito, actuaba como observador no operativo no que foi arrollado polo autobús.
Aspecto no que quedou o autobús calcinado na parroquia compostelá de Aríns. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Aspecto no que quedou o autobús calcinado na parroquia compostelá de Aríns. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Un bombeiro en prácticas do parque de Santiago de Compostela faleceu á primeira hora desta terza feira atropelado por un autobús durante un operativo de extinción ao que fora mobilizado o seu equipo.

En concreto, segundo confirmou o propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, contra as 8 horas o parque recibiu o aviso de que un autobús baleiro da empresa Rías Baixas, que realiza o servizo de liña municipal, estaba a arder na parroquia de Aríns, concretamente no lugar da Cacharela.

De inmediato, un retén desprazouse cara ao lugar para comezar cos labores de extinción. Á súa chegada, o condutor do autobús tentaba apagar o incendio que, segundo a información do 112 Galiza, empezaba a descontrolarse. Mentres os bombeiros montaban o operativo, e de forma "sorpresiva", apunta o Concello de Santiago, o autobús comezou a desprazarse cara adiante, atropelando a vítima.

En concreto, Emerxencias sinalou que o vehículo, que aínda estaba en chamas, precipitouse cara ao camión de Bombeiros e bateu contra el, deixando o falecido entre ambos os dous vehículos.

Manobras de reanimación

Os propios compañeiros da vítima comezaron coas manobras de reanimación mentres outros efectivos trataban de controlar as chamas. Tamén o persoal sanitario ficou perto dunha hora tratando de reanimar o mozo, aínda que "foi imposíbel a súa recuperación". O rexedor confirmou que se trataba dun bombeiro novo e que "acababa de incorporarse" ao cadro de persoal. De feito, actuaba como observador no operativo.

Tras este suceso, foron numerosas as condolencias, empezando polo propio Concello, que emitiu un comunicado no que lamenta "este tráxico suceso". O alcalde anulou a súa axenda e desprazouse ao lugar dos feitos, onde cualificou este "terríbel accidente" de "gran desgraza" e uniuse a familiares e coñecidos nestes momentos de "auténtica desolación".

Tamén desde o BNG de Santiago, da man de Goretti Sanmartín, a portavoz municipal, quixeron trasladar nestes "durísimos momentos" o seu "agarimo e condolencias" á familia, amizades e compañeiros e compañeiras do bombeiro, por mor deste incidente que rematou cun "tráxico desenlace", así como desde Compostela Aberta, cuxo edil Xan Duro expresou: "Tiven o privilexio de ser concelleiro responsábel do servizo de bombeiros e testemuña da súa profesionalidade e dedicación. Unha forte aperta a familiares e amizades do bombeiro falecido e ao conxunto dos bombeiros de Compostela".

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou o seu cariño á familia do mozo e aos seus compañeiros, así como "o recoñecemento de toda a Galiza a uns profesionais que todos os días arriscan as súas vidas pola seguridade de todos". Tamén o 112 Galiza expresou as súas condolencias.

Comentarios