Falece ao envorcar o camión que manexaba nunha nave do Porriño

J.G.M, de 57 anos, quedou baixo o camión, cargado con material pesado. É o terceiro suceso grave acontecido na empresa Lear, denuncia a CIG, que insta aFiscalía a actuar. 

Ambulancia

J.G.M, veciño de Salceda de Caselas de 57 anos de idade,  faleceu na mañá desta sexta feira despois de quedar atrapado baixo o camión que manexaba no interior dunha nave da empresa Lear do Polígono das Gándaras, no municipio do Porriño. Segundo informou o 112 Galiza, o sinistro mortal produciuse minutos antes das 9,00 horas desta sexta tal e como indicaron as persoas que contactaron co servizo de emerxencias para pedir axuda urxente.

Deste xeito, por parte do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pediuse a colaboración dos Bombeiros do Baixo Miño para liberar á vítima, atrapada baixo o camión cargado con material pesado. O 061 enviou ao lugar unha ambulancia de soporte vital avanzado cuxo persoal sanitario confirmou o falecemento no lugar do home, veciño de Salceda de Caselas, J.G.M., de 57 anos.

A federación de Industria da CIG de Vigo denuncia que se trata do terceiro suceso grave acontecido na compañía nos últimos meses, dous deles con resultado de morte, e insta a Fiscalía a actuar para depurar responsabilidades, ao tempo que se pon a disposición a disposición da familia do operario falecido para prestarlle apoio e asesoramento.

O sindicato reclama unha actuación urxente por parte da Fiscalía para depurar as responsabilidades correspondentes, “xa que tras o accidente mortal acontecido neste mesma empresa en agosto démoslle información á Inspección de Traballo para que lla trasladase á Fiscalía pero non nos consta que se tivese feito nada ao respecto”.

O fatal suceso prodúcese menos de 24 horas despois de que esta quinta morrese no Pino un operario  ao caer do tellado dunha granxa. O pasado día 15 un traballador morría en Coirós cando manipulaba cables de media tensión. Días antes, perdía a vida un mariñeiro ao embarrancar un cerqueiro perto de Baroña. 

Galiza segue a liderar a mortalidade en sinistralidade laboral. Segundo datos recompilados pola CIG‑Saúde Laboral, neste primeiro semestre de 2019 a suma de accidentes laborais en xornada de traballo (13.878) e in itínere (1.410) que tiveron traballadoras e traballadores na Galiza foi de 15.282, dos cales 14.993 foron leves, 266 graves e  29 mortais (24 en xornada laboral e 5 in itínere). Ademais, duplicamos a media estatal no índice de incidencia dos accidentes mortais: é de 6,05 por 3,24 de media no Estado.

Comentarios