venres 30/10/20

A factoría de Siemens Gamesa só ten carga de traballo até final de ano

O futuro da planta das Somozas queda ligado ao modelo SG114 e ao mercado español.
<p>Planta de Siemens Gamesa nas Somozas (Foto: Europa Press).</p>
Factoría de Siemens Gamesa nas Somozas.

O futuro de Siemens Gamesa nas Somozas complícase por momentos. Segundo anuncia o comité de empresa após unha xuntanza cun alto executivo da empresa, a planta galega, dedicada á fabricación de pas para aeroxeradores, só ten carga de traballo até finais de ano.

Segundo manifestou o presidente do comité, Sergio López (UXT), o directivo aseguroulles que, "a día de hoxe, non hai confirmados máis pedidos en firme do modelo de pa SG114", que é a que producen.

Tamén lles trasladou que "a fábrica das Somozas dedicarase ao mercado nacional, por non ser competitivos no internacional".

No caso de fechar un posíble pedido de 95 rotores ─cada rotor conta con tres pas─, "a empresa contempla diferentes escenarios". 

"Sentounos como un xerro de auga fría", queixouse o representante sindical.

Mais as malas noticias non quedan aí. O representante de Siemens Gamesa, segundo lles indicou ás persoas que integran o comité, rexeitou acometer investimentos para realizar modelos máis modernos e de maior tamaño.

Argumentou que a factoría recentemente adquirida en Vagos (Portugal) "xa está lista", "e non hai suficientes pedidos destes modelos para que se fabriquen noutra planta".

comentarios