Extel sortea tarxetas de 100 euros entre o persoal que non se ausente do seu posto esta semana, na que hai convocada unha folga

CIG denuncia que a dirección tenta así "boicotear" o paro convocado para esta cuarta feira na plataforma da Coruña.

extel a coruña
photo_camera Imaxe de arquivo dunha mobilización laboral en Extel.

O sindicato CIG acusa Extel de tentar boicotear a folga convocada para esta cuarta feira, 5 de febreiro, na plataforma da Coruña. “A empresa anunciou esta segunda feira que sorteará 4 tarxetas de 100 euros entre todas as traballadoras e traballadores que non se ausenten do seu posto esta semana”, afirma o sindicato. As delegadas e delegados da CIG subliñan que esta medida "é completamente ilegal, á vez que escandalosa, cunha convocatoria de folga polo medio".

Entenden que o obxectivo da empresa é "boicotear como sexa" a participación na folga. A sección sindical da central nacionalista xa se puxo en contacto coa dirección para esixirlle unha rectificación e "de non ser así, tomaremos todas as medidas legais correspondentes".

CIG convocou un calendario de paros mensuais en rexeitamento á decisión unilateral de Extel de limitar o uso das horas médicas e eliminar os partes de repouso, obrigando así o persoal a coller unha baixa aínda que sexa dun só día (co conseguinte prexuízo económico) e empregando esta estratexia para xustificar despedimentos en base a un suposto absentismo.

Comentarios