Extel e Atento en folga contra as presións e sancións empresariais

As dúas empresas de telemárketing convocaron un paro de 24 horas contra as condicións de traballo "inhumanas" nas que se atopa o plantel. 

14-01-08 Paro Extel
photo_camera Imaxe do paro convocado por Extel en xaneiro [CIG]

A xornada de loita foi convocada de maneira conxunta por CIG, UGT e CC.OO. O seguimento cífrano no 80%. As centrais sindicais exixen que as empresas de telemárketing, Extel e Atento, senten a negociar c@s traballador@s para resolver "dunha vez a grave situación laboral que sofren". 

As razóns da folga de 24 horas que se iniciou este 23 de xuño, explica Susana Nogueira, delegada da CIG, débese ás "contratacións, sancións, despedimentos e presións" que padecen @s empregad@s da empresa desde hai medio ano. "Arrastramos folgas desde xaneiro", subliña. 

E é que moi ao contrario de mellorar, as condicións de traballo "están empeorando", indica. De feito, desde a central sindical nacionalista denuncian que após o último paro, convocado o 16 de maio, a empresa contactou co comité mais "non co ánimo de mellorar as condicións, senón para tentar paralizar as mobilizacións", dixo Nogueira. 

Denuncian as presións que reciben por parte da dirección e as sancións que lles impoñen se non cumpren co obxectivo de vendas

Laboralmente tanto Extel como Atento caracterízanse por promover a contratación eventual e por aplicar sancións cando @s traballador@s non cumpren cos obxectivos de venda impostos pola dirección. Asemade, "non están a pagar os incentivos" e exercen "presións" para que @s empregad@s coloquen determinados produtos @s clientes. Neste senso, as centrais sindicais narran casos en que o persoal sufriu "ataques de ansiedade no posto de traballo" e mesmo algún/ha que rematou por deixar o seu emprego perante as presións. 

Esta situación xa foi denunciada perante Inspección de Traballo quen apoiou as denuncias d@s traballador@s e exixiu a Extel "a conversión en indefinido" do persoal eventual por coidar que esta modalidade contractual está "en fraude de lei". Mais a empresa aínda non deu cumprimento ás súas obrigas. 

A realidade laboral que atinxe a Atento é semellante. Nestoutra empresa de telemárketing as presións e sancións impostas pola dirección coinciden coas padecidas polo persoal de Extel. De feito, as mobilizacións están a ser conxuntas.

Comentarios