As explotacións gandeiras diríxense ás cadeas de distribución perante o fracaso do acordo lácteo

Galiza mantén os prezos máis baixos de todo o estado. "Todas as partes que asinaron están incumprindo", aseguran.

Tractorada

Esta segunda feira (30 de novembro) a Plataforma en defensa do sector lácteo deu comezo á campaña de mobilizacións após cumprírense 2 meses da sinatura do acordo promovido polo Ministerio de Agricultura. 

Segundo os dados do propio goberno español Galiza é o único territorio do estado no que o leite en orixe se sitúa por baixo dos 30 céntimos. Neste senso, embora terse incrementado o prezo de venda ao público, as explotacións gandeiras aseguran non saber "onde van parar eses cartos", asegurou Óscar Pose (UPA) porque "ao produtor non chegaron". 

Por esta razón representantes da plataforma concentráronse hoxe diante da área comercial As Cancelas en Compostela onde distribuíron material informativo entre a veciñanza na que explican a grave situación que atinxe as granxas. 

"Cando hai cartos polo medio, saltarse un acordo de boas vontades é moi fácil”

“Cando se asinou o acordo xa advertimos de que non había unha normativa reguladora que obrigase o seu cumprimento e cando hai cartos polo medio, saltarse un acordo de boas vontades é moi fácil”, explicou Anxo Escariz, da OPL. "Todas as partes que asinaron están incumprindo", acrecentou Pose, nunha comparecencia de prensa conxunta co alcalde da cidade, Martiño Noriega. 

Neste senso, recoñecen que o desánimo paira entre os produtores logo dunha intensa mobilización durante o mes de setembro da que semella non conseguiron tirar resultados. Por esta razón continuarán coas concentracións e repartos informativos ao longo da semana nas cidades galegas. 

  • 1 de decembro. A Coruña. Diante do Alcampo da avenida Alfonso Molina ás 12h.
  • 2 de decembro. Lugo Diante do centro comercial As Termas (12 horas).
  • 3 de decembro. Pontevedra. Rolda de imprensa na Casa do Concello, xunto ao rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores  ás 12h. e reparto de información perante o Dia da rúa Santa Clara.
  • 4 de decembro. Ferrol. Polígono das Gándaras ás 12h.
  • 5 de decembro. Vigo. Centro comercial Gran Vía ás 12h.

Comentarios