Exixen á Xunta que traballe para garantir que a obra do "Evrima" fique en Navantia

A sección sindical da CIG asegura que as instalacións situadas no municipio de Fene están listas para facer os traballos que lle faltan a esta embarcación, que antes estaba sendo construída en Barreras e que agora pode marchar cara Santander.
Vista das instalacións de Navantia. (Foto: CIG)
photo_camera Parte das instalacións de Navantia. (Foto: CIG)

A representación sindical da CIG nos astaleiros de Navantia en Ferrolterra veñen de demandar á Xunta que traballe na garantía de carga de traballo para as factorías blindando a obra do 'Evrima' para que decorra nas infraestruturas situadas na ría.

A sección sindical considera apropiado que o Executivo galego mova ficha pois até o de agora, segundo denuncia, a súa labor estivo marcada pola “pasividade e desidia ante a posibilidade de que a obra para rematar” a embarcación “escape para Santander” cando a adxudicación para a industria da comarca estaba moi próxima.

Así, instan á Consellaría de Industria a actuar, pois a administración pública do país fornecera apoio financeiro para rematar o barco. En concreto, uns oito millóns de euros “en créditos participativos” para ter listo este buque que estaba a ser construído en Barreras.

A xuízo da representación das e dos traballadores, o departamento que dirixe Francisco Conde ten que impedir “que vexamos pasar o barco diante das nosas costas” cara outro territorio.

"Sen ser unha obra extensa, é un novo fito neste mercado de cruceiros de luxo que, aínda que no contexto de pandemia está en mínimos, conta cun alto grao de crecemento no futuro", entenden desde a CIG, pois as instalacións de Fene son quen de acometer as actuacións que quedan pendentes.

Fan referencia, así, tanto á disposición dun dique como ás oficinas e ao espazo para contedores... Avisan de que, de non lograr carga de traballo para o pintado e “a carenaxe”, a factoría quedará en pouco tempo libre.  “Logo de evitar que o barco fora para Cádiz, unha vez máis podemos estar ante a inutilidade, a pasividade e a inoperancia, da Xunta da Galiza no que ten a ver coa industria nesta comarca", lamentan.

Cómpre recordar que o futuro industrial da zona está no aire e hai meses que se suceden as protestas polo feche de Siemens-Gamesa nas Somozas e os problemas de continuidade de Endesa nas Pontes, entre outros.

Comentarios