Exixen que a Covid-19 sexa recoñecida como enfermidade profesional

A CIG, que mantivo unha concentración ás portas da delegación do Goberno do Estado español, fai especial fincapé no risco que corren as e os profesionais sanitarios e do ámbito sociosanitario.

Protesta ante a delegación do Goberno español. (Foto: CIG)
photo_camera Protesta ante a delegación do Goberno español. (Foto: CIG)

O debate de se a Covid-19 debería ser considerada enfermidade profesional, sobre todo nalgúns ámbitos laborais, tamén está na rúa. Así o puxo de manifesto esta cuarta feira a CIG, que protagonizou unha concentración fronte á delegación do Goberno español na Galiza para demandar que o coronavirus tamén sexa visto desde esa perspectiva cando sexa preciso.

Representantes do sindicato pediron que o contaxio de SARS-CoV-2 sexa considerado unha doenza profesional cando as e os afectados sexan empregados da sanidade e o sector sociosanitario “que foi moi privatizado”. Tamén inclúen ao persoal de ambulancias e dos servizos públicos que están en mans privadas debido ás concesións, como por exemplo os coidados.

A central destacou que o Real Decreto Lei 3/2021 xa regula este recoñecemento do virus, mais é “discriminatorio” porque exclúe aos colectivos citados a pesar de que traballan no sector público pero a relación contractual é con compañías privadas.

“Se as administracións públicas no queren ao persoal das empresas privadas, teñen a solución na súa man: eliminen as privatizacións e subroguen ao persoal dos servizos concesionados”, advertiu a secretaria nacional da Federación de Saúde da CIG, María Xosé Abuín.

A campaña, no entanto, tamén está promovida polas federacións de Administración Pública, Servizos, FGAMT e Industria.

Abuín alertou de que as enfermidade non fai distincións entre as diferentes categorías profesionais nin polos vínculos laborais e que a consideración como enfermidade profesional ten que vir determinada pola exposición ao risco de contaxio no posto de traballo.

"Esta discriminación que fai o Goberno do Estado é impropio dun goberno que se denomina a si propio "de progreso", xogando coa saúde dos traballadores e das traballadoras ao aplicar unha norma clasista, que ademais penaliza o persoal máis precarizado como o de axuda no fogar, ambulancias ou os servizos subcontratados dos hospitais", insistiu.

Para evitar problemas de interpretacións, a CIG tamén entende que a normativa ten que ter unha maior claridade e concisión.

Comentarios