Evacúan en helicóptero dous traballadores en Carballeda de Valdeorras e Ribeira por senllos accidentes laborais

Polo de agora descoñécese o estado de saúde dos dous traballadores feridos.
Helicóptero medicalizado do 061. (Foto: Europa Press)
photo_camera Helicóptero medicalizado do 061. (Foto: Europa Press)

Un operario da mina da Fraguiña, no concello de Carballeda de Valdeorras, tivo que ser evacuado en helicóptero esta cuarta feira tras recibir un golpe, cun obxecto na zona torácica, mentres traballaba.

A pesar das lesións, o operario non quedou atrapado pola maquinaria. O ferido atopábase fóra da explotación mineira no momento de producirse o accidente laboral, polo que puido ser atendido con maior axilidade. Ademais dos servizos sanitarios de urxencia até o lugar desprazouse o persoal do GES de Valdeorras e axentes da Garda Civil.

Os sanitarios chamaron ao 112 ás 14 horas para informar da mobilización do helicóptero. O home foi trasladado ao Hospital de Ourense, sen que se coñezan novos datos do seu estado de saúde.

Desta mina, que se atopa a carón da aldea de Riodolas, obtense lousa de maneira subterránea, un material que habitualmente é recollido en explotacións a ceo aberto. Neste sentido, A Fraguiña é dobremente especial, xa que tamén é a mina de lousa máis grande do mundo.

Accidente en Ribeira

Outro traballador, neste caso no municipio de Ribeira, tamén tivo que ser evacuado en helicóptero ao Hospital Clínico de Santiago polas lesións provocadas por unha caída de tres metros de altura no Polígono de Xarás.

Axentes da Policía Local foron os encargados de chamar ao 112, sobre as 16.45 horas, para solicitar asistencia medica urxente para o operario, do que tampouco se coñece o seu estado actual de saúde.

Até o lugar mobilizáronse os efectivos de Urxencias Sanitarias da Galiza e o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Ademais, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Galiza informou ao Grupo de Emerxencias Municipal de Ribeira e á Policía española.

Comentarios