Evacuado en helicóptero un traballador de Boiro que sufriu queimaduras polo incendio dunha máquina

O home, de 41 anos, estaba a traballar perto das bateas da praia de Mañóns.
Helicóptero do 061 (Foto: Sergas).
photo_camera O home foi trasladado en helicóptero. (Foto: Sergas)

Un traballador duns 41 anos de idade foi evacuado en helicóptero medicalizado logo de sufrir queimaduras por mor dun incendio declarado nunha máquina para a aplicación de resina sintética perto das bateas da praia de Mañóns, en Boiro.

Segundo informou o servizo de emerxencias 112-Galiza, poucos minutos despois das 8.30 horas desta segunda feira, os Bombeiros de Boiro chamaron para informar da súa saída por un incendio nunha máquina industrial perto das bateas da praia de Mañóns a pedimento dos axentes da Policía Local. Logo, desde o 112-Galiza alertaron a Garda Civil e Protección Civil.

Precisou ser evacuado en helicóptero por mor das súas feridas

Xa no lugar, os bombeiros solicitaron ao 112 asistencia sanitaria para un operario que resultara afectado polo lume. Por iso, pediuse a intervención de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que, debido ás lesións do ferido, mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Compostela.

En concreto, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias, foron mobilizados unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo sanitario de Atención Primaria, así como un helicóptero medicalizado, que foi o que evacuou ao Hospital Universitario da Coruña o home ferido, M.M. F.M., de 41 anos de idade.

Incendio

Finalizadas as tarefas de extinción, o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento informou o 112 de que ardera unha máquina de aplicación de poliuretano, un compresor e mais unha furgoneta que transportaba o equipamento.

Aliás, resultaron afectados uns bidóns almacenados tamén no interior do vehículo que, debido aos seus compoñentes, podían causar riscos en caso de ser alcanzados polas lapas. Os medios de extinción lograron precintar os bidóns e depositalos no interior do vehículo, nunha zona seca do areal, á espera de ser retirados polos profesionais competentes, indicaron por parte do 112.

Comentarios