domingo 12.07.2020

Estudos laborais feministas poñen a vida no centro do debate económico

Colocar a vida no centro. Desde Aselafem apuntan que a economía ten que rebelarse a través das cuestións máis importantes que temos no día a día.
Unha xornada de formación en Compostela da Asociación de Estudos laborais feministas.
Unha xornada de formación en Compostela da Asociación de Estudos laborais feministas.

"Dentro das feministas sempre estivo a idea de organizármonos a un nivel máis alá do activismo de denuncia para entrar tamén nos espazos de construción laboral". Mariola Mourelo, voceira da Asociación de Estudos laborais feministas (Aselafem) define con esta frase un proxecto que xurde hai cinco anos en conversas informais para tomar forma hai dous coa perspectiva de transformarse nun sindicato aínda que traballe baixo a forma xurídica dunha asociación. 

"A  idea era crear algo relacionado co que chamariamos economía feminista", relata a Nós Diario, "aínda que o tema laboral e monetario é unha cuestión máis e non a primeira", engade. Fala doutras realidades como os coidados, o traballo reprodutivo, ou "crear comunidades que nos fagan a vida máis fácil". Son conscientes de que o formato sindicato xa existe, mais insisten en que, "non como nós pensamos que podía ser".

Problemas laborais,  perspectiva feminista

Neste novo proxecto queren ir máis alá "da precariedade financeira de salarios da que se fala moito e é evidente". A voceira de Aselafem resalta que é fundamental "o trato e a valorización dos nosos traballos". Explica que "hai tamén precariedade de tempos, de ter unhas condicións mínimas para desenvolver o teu traballo" e pon como exemplo o ámbito dos servizos sociais.

"Hai moitas mulleres traballando mesmo con concellos e institucións onde se supón que hai políticas de igualdade e de coidados". Critican e denuncian a incongruencia de formar parte dun contexto público e estar "moi mal remuneradas e cunhas condicións de horarios extremas sen ter en conta que son mulleres que están coidando outras persoas de sectores vulnerábeis da nosa sociedade". 

A súa propia experiencia sérvelles para analizar a situación laboral que viven moitas mulleres. "Hai moitas traballadoras independentes, as que denominan autónomas, que están aí en tendas e comercios de barrio moi pequenas e que lle dan vida de verdade á sociedade", asegura esta activista. Pon como exemplo as dificultades que teñen para poder pagar a Seguridade Social. "Moitas non o poden asumir, non pensan en se gañamos ou non cartos, a cota é a mesma  sempre", sinala.

Economía feminista: a vida no centro e como obxectivo

"Cando pensas en como se organiza a sociedade e como nos organizamos nós chegamos á conclusión de que hai que colocar as prioridades como obxectivo", explica Mariola Mourelo. É a cuestión que diferenza o tratamento que dan desde esta asociación á economía que denominan feminista. "Se queremos vivir ben temos que definir o que é a vida para nós, temos que entrar nas nosas necesidades". Por este motivo a estrutura desta entidade trata, ademais do ámbito legal, o social. "Damos importancia á comunidade", asegura a súa voceira. Aselafem pon o foco en que é o que nos fai vivir mellor. "Non só ter un traballo e unha casa", conclúe.

Formarse para defenderse

"Non queremos ser asistencialistas, queremos ter ferramentas para tomar as nosas decisións", asegura Mourelo. Con esta idea comezaron o ano pasado a realizar actividades de formación impartidas por profesionais de varios ámbitos. "Tivemos unha actividade de dereito, moi interesante por ser algo alleo a nós e da que non sabemos nada", conta a Nós Diario, "e descubrimos que hai ferramentas do propio sistema para defendérmonos e para termos unha vida mellor", engade. Outra das actividades foi un obradoiro sobre planificación.

"Temos que pensar, reflexionar sobre cantas horas lle dedicamos ao traballo, canto necesitamos para ter recursos que nos permitan vivir", relata. Como obxectivos non pensan en "resolver os problemas individuais" por coincidir en que "xa están os sindicatos tradicionais para esa cuestión, o que queremos é transformar a sociedade".

comentarios