Estudan vía civil para aclarar o accidente do operario de Cespa na Coruña

A familia do traballador de Cespa que faleceu na Coruña en accidente laboral estuda seguir outros procedementos xudiciais.
cespapa

Familiares do traballador de Cespa, empresa concesionaria da recollida do lixo no concello da Coruña, morto en accidente en setembro de 2018 estudan abrir unha causa civil ou acudir ao Tribunal Constitucional para defender o que consideran "unha inxustiza". 

Fran Ribeiro, fillo do falecido, sinala a Nós Diario que quere "chegar até o fin" para limpar o nome do seu pai. Ribeiro denuncia que a empresa "non proporcionou unhas ferramentas nas condicións óptimas para o traballo" como "un camión con sete faltas leves na ITV ou non cumprir o protocolo de seguridade de baleirar toda a carga e non unha parte". Tamén explica que seu pai non levaba o cinto de seguridade no momento do accidente indicando que "o camión era apto para dúas persoas e ese día estaban tres traballadores na cabina co camión".

Neste sentido informa que tempo despois do accidente no que morreu seu pai houbo dous camións aos que lles fallaron os freos aínda que só causaron danos materiais. Ribeiro relata que "a denuncia presentada no seu día por vía xudicial foi sobreseída pola xuíza e tras as reclamacións do noso avogado a Audiencia Provincial decidiu fechalo". Por último lugar lamenta que con motivo da actual sentenza a súa nai "non cobra a pensión que debería cobrar nesta situación".

Comentarios