O estrés térmico por calor afecta tamén no laboral

A Galiza non está afeita a soportar unhas temperaturas tan altas como as que se están a experimentar nas últimas xornadas. A tensión térmica é un fenómeno provocado pola calor extrema vinculada ao cambio climático e que se está a facer sentir entre as traballadoras e traballadores e tamén nas actividades do campo. Explotacións agrogandeiras ven minguada a produción.
Os expertos en Medicina advirten do risco de traballar con exposición a altas temperaturas. (Foto: Arxina)
photo_camera Os expertos en Medicina advirten do risco de traballar con exposición a altas temperaturas. (Foto: Arxina)

O estrés térmico por calor produce "unha dilatación das veas e das arterias" que provoca "unha diminución do funcionamento de todos os órganos do corpo", explica o médico especialista en Atención Primaria Xosé Dios.

"Adaptar os horarios aos episodios de calor é fundamental", afirma o sanitario. Porén, "seguimos vendo xente nas estradas e en labores tremendamente agresivas con exceso de calor e en horas centrais do día", denuncia o experto en Atención Primaria. 

"Necesitamos manter a nosa temperatura corporal ao redor dos 37° para funcionar con normalidade", explica o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral da Galiza. Se "a temperatura central do corpo supera os 38°, pódense producir distintos danos á saúde, máis graves canto maior sexa a calor acumulada". Cando "se superan os 39° comeza o risco de golpe de calor", explican desde a institución galega de saúde e seguridade laboral.

Non só o persoal laboral se ve afectado polo estrés térmico, numerosas granxas da Galiza veñen de reportar na última xornada que as vacas están a sufrir pola calor e que esta situación está a afectar a produción leiteira, que se viu diminuída.

Así o ratificou a Nós Diario o gandeiro do municipio de Lousame, Manuel Castro, quen sinala que "as vacas non comen, padecen moito estrés e iso provoca que a súa produción baixe de forma importante".

Mudanza climática

Os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, Dominic Royé, Alberto Martí e Roberto Cabalar teñen estudado o fenómeno do estrés térmico na Galiza en 2012. As súas conclusións indicaban que "o estrés térmico por calor afecta á metade meridional da Galiza, especialmente a zona sudoriental". 

No resto da metade meridional da Galiza "os días con tensións por calor son ocasionais", explicaban. Porén, esta vaga de calor está a deixar situacións até o de agora excepcionais que o cambio climático ameaza con normalizar.

Comentarios