A CIG desmaquilla os anuncios electorais

Os estaleiros de Vigo, na UCI

A CIG denuncia a situación crítica que sofren os principais estaleiros da ría de Vigo, que se atopaban á expectativa dadas as “promesas electorais que anunciaban carga de traballo para os vindeiros anos”. Após as eleccións, os proxectos, di a CIG, “esfumáronse”.

Estaleiros de Barreras en Vigo
photo_camera Estaleiros de Barreras en Vigo

Sen actividade e con ERE. Así se atopan a día de hoxe os principais estaleiros da ría de Vigo “a pesar das promesas electorais que anunciaban carga de traballo para os vindeiros anos”, segundo a CIG. A central nacionalista advirte de que confirmou as sospeitas a respeito dos anuncios da Xunta da man de Pemex. Uns anuncios que “eran unicamente un reclamo electoral unha vez que o director xeral da petroleira vén de asegurar que se anula calquera construción encargada a Barreras”.

Os anuncios previos ás eleccións galegas non foron os únicos. Xa en 2012 o Partido Popular fixera uso de supostas cargas de traballo que ficaron en papel mollado, lembra a CIG. “En 2013, presentaban a bombo e platillo a entrada de Pemex como socio maioritario da empresa [Barreras] e prometían carga de traballo para varios anos”, engade. Porén, tres anos após, os proxectos “esfumáronse”.

O maior estaleiro de Vigo, sen actividade e coa ameaza dun ERE

Neste contexto, o estaleiro de maior dimensión da ría de Vigo “fica sen actividade e coa ameaza dun ERE á espera da posíbel confirmación da construción dun minicruceiro de luxo que leva meses anunciándose sen data”, subliña a CIG, quen advirte de que a construción deste buque non poderá evitar o feche da empresa “durante varios meses”.

A respeito de Vulcano, a CIG sinala que “un día antes das eleccións anuncian a contratación das obras de finalización do ferri resgatado de Sevilla, que levaba tres anos apodrecendo no peirao; pero mes e medio despois segue sen asinarse o contrato, o que está a xerar dúbidas sobre a súa realización”. “A un mes do remate do último ERE asinado, este buque é a última esperanza que ten o estaleiro de evitar o feche, polo que agardemos que non quede novamente en propaganda electoral”, conclúe a central sindical.

Comentarios