España oponse ás medidas do sector leiteiro para paliar a crise

O Ministerio de Agricultura non apoia as propostas das organizacións agrarias embora Francia as estar a implementar. 

KrisPereiras
photo_camera Tractorada en Chantada [@KrisPereiras]

Até o propio presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, nunha xuntanza desenvolvida con representantes da cadea de valor do leite, organizacións agrarias e o número dous do Ministerio de Agricultura, Carlos Cabanas, preguntou ao goberno español as razóns para non incrementar 4 céntimos o prezo do leite nos lineais das distribuidoras, como vén de aprobar Francia, co obxectivo de aumentar o prezo tamén en orixe. 

Esta é unha das propostas presentadas polas organizacións agrarias para reaxir perante a crise que atinxe o sector lácteo galego. Mais España non está pola labor. Segundo Carlos Cabanas a medida adoptada polo sector francés contravén a normativa europea e podería carrexarlle unha sanción. Porén, esta iniciativa xa foi implementada no 2011 no país galo e, até o momento, a multa non chegou. 

De igual maneira, as organizacións agrarias e o goberno da Xunta de Galiza, demandaron ao executivo español a retirada de até 40 mil toneladas de leite do mercado, algo que xa se desenvolveu en anteriores ocasións para o destinar a axuda humanitaria. Reducir a oferta pularía polos prezos á alta, cando menos a curto prazo. De novo, Madrid fecha a porta.

A pertenza do Estado español á Unión Europea impón a Galiza unha escasa marxe de manobra, en termos políticos. As competencias en materia agraria foron desprazadas a Bruxelas e quen negocia cos socios comunitarios é España polo que as solucións aos problemas do sector deben ser aprobadas por Madrid. 

Para alén diso, o sector lácteo galego non conta coa cohesión que si posúe o francés. Descritivo é o feito de que na primeira xuntanza convocada pola Consellaría de Medio Rural a práctica totalidade da industria --agás Leite Río-- non asistise. Na segunda, encabezada por Feijóo, quen se ausentaron foron parte das distribuidoras. 

Entrementres as explotacións gandeiras manteñen as mobilizacións con tractoradas que decorren día si día tamén en diversas comarcas do país. 

Comentarios