ERTE en El Corte Inglés para 22.000 persoas

A empresa de grandes almacéns presentou un Expediente de Regulación Temporal de Emprego que afecta a todas as traballadoras da firma.
2780122
photo_camera Vista do centro que El Corte Inglés ten na cidade da Coruña (Foto: Nós Diario).

El Corte Inglés, a empresa de grandes almacéns máis importante do Estado español, e que conta con centros nas principais cidades galegas, fixo público que vén de presentar ante o Ministerio de Traballo un Expediente de Regulación Temporal de Emprego ( ERTE) acolléndose ás medidas habilitadas polo Goberno  e recollidas no Real Decreto  463/2020 do 14 de marzo, no que se declara o estado de alarma con motivo da crise sanitaria ocasionada polo  Covid-19.

Segundo explican, adoptan esta medida “por causa de forza maior”, e anuncian que se prolongará durante “14 días contados desde a data de publicación do Real Decreto, e a súa ampliación virá determinada polo tempo que dure o actual estado de alarma”.

O Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) afectará 22.000 persoas, aínda que a empresa “se compromete a complementar as achegas que realice o Estado até cubrir a totalidade dos seus salarios”.

A medida tamén é de aplicación sobre as traballadoras de outras empresas do grupo, como Viajes El Corte Inglés (1.900 persoas) e a firma de moda Sfera (2.000 persoas).

El Corte Inglés fora acusado a fin de semana pasada de “expor á súas empregadas ante o coronavirus” polas intencións do grupo de ampliar os seus horarios de apertura, segundo denunciara Comisións Obreiras (CCOO). O sindicato acusara a El Corte Inglés de “usar a epidemia para facer caixa para incrementar os seus beneficios”.

Comentarios