xoves 02/12/21

O ERE de H&M implicará o fechamento de tres tendas na Galiza e despidos noutras tres

O cadro de persoal que esta multinacional téxtil ten en Ourense vén de convocar unha folga contra o Expediente de Regulación de Emprego. Entre outras cuestións, as e os traballadores reclaman que se negocie por territorios.

Protesta noutro H&M do Estado español. (Foto: Ela / Europa Press)
Protesta noutro H&M do Estado español. (Foto: Ela / Europa Press)

As e os empregados da compañía H&M en Ourense farán folga en contra do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que vén de presentar esta multinacional da distribución téxtil. A reestruturación da cadea suporá na Galiza o fechamento de tres das oito tendas dispoñíbeis, así como recortes de persoal e de condicións laborais noutros tres estabelecementos.

Así o explicou hoxe a CIG, que está detrás dos paros de 24 horas que van decorrer en Ourense os días 30 de abril e 8 de maio. Desde o punto de vista do colectivo ourensán de traballadoras é preciso actuar contra unha medida que consideran “drástica e inxustificada”.

A central sindical fala dun ERE “salvaxe” de Hennes & Mauritz -ou o que é o mesmo, H&M, que implica mudanzas en 126 comercios do Estado español coa consecuencia máis grave duns 1.100 despedimentos.

Na Galiza o grupo conta con oito tendas e só dúas quedarían fóra da aplicación dese ERE. Polo tanto, habería rescisión de contratos e cambios no traballo nas tendas de Lugo, Vigo-Gran Vía e Coruña-Marineda City.

Aliás, segundo fontes da CIG, a idea actual é fechar de forma definitiva os negocios que están na rúa Príncipe de Vigo, nun parque comercial de Ferrol e no Paseo de Ourense. En consecuencia, o cadro de persoal desta última é un dos máis prexudicados.

Unha despedida á que non atopan sentido

“A aplicación do ERE en Ourense suporía a perda de 20 postos de traballo, mais sería difícil calcular o impacto colateral que esta inxusta medida tería a nivel económico e laboral noutras empresas e sectores: provedores, transporte, tendas do arredor, etc”, indicaron as fontes de representación laboral.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Curiosamente, atendendo aos datos da marca, o de Ourense é o terceiro comercio con maior rendibilidade de todo o Estado.

“Se a todo isto lle sumamos que os sindicatos CCOO e UGT, fieis aliados da empresa, impediron, en base á lexislación do PP que segue vixente para os ERE, a participación dos sindicatos que a nivel estatal non acadamos a representación necesaria, encontrámonos que unha parte moi significativa das traballadoras de H&M non vai ter nin voz nin voto na mesa de negociación no período de consultas”, lamentan desde a CIG, que exixe polo menos unha negociación por territorios do expediente. De momento chaman á veciñanza a apoiar as protestas na rúa.

O ERE de H&M implicará o fechamento de tres tendas na Galiza e despidos noutras tres
comentarios