EPA: o paro descende en Galiza 9,6% fronte a 14,4% da media española

A Enquisa de Poboación Activa recolle un descenso interanual do desemprego 5 puntos menor ao rexistrado no estado español. No segundo trimestre o paro baixou en Galiza en 15.600 persoas. 

Xente camiñando_Youtube

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) recolle un descenso do paro en Galiza no segundo trimestre de 2017. Unha baixada en 15.700 persoas desempregadas a respecto do primeiro trimestre, o que supón un descenso notábel, 7,2%, se ben inferior ao rexistrado no estado español no mesmo período e que foi de 8%. En Galiza hai 201.500 persoas no desemprego

Os resultados desta EPA foron os esperados, pois o segundo semestre adoita reflectir baixadas de desemprego, unha dinámica derivada do tirón de turismo e hostelaría, sectores nos que o emprego ten uns preocupantes niveis de temporalidade e precariedade como denuncian os sindicatos.

En termos interanuais – comparando este segundo trimestre co segundo trimtestre de 2016- o paro descendeu en Galiza en 21.500 persoas. Isto supón que baixou en 9,6%, por centaxe moi inferior o 14,4% rexistrado a nivel de Estado español. Son cinco puntos menos.

O Secretario Confederal de Emprego e Industria da CIG, Francisco Xabier Cartelle, denuncia que os datos da EPA reflicten o fracaso da política de emprego do PP, que consolida un mercado laboral precarizado, caracterizado pola elevada rotación, os baixos ingresos, a falta de estabilidade, a perda de dereitos e un aumento alarmante da pobreza.

Comentarios